ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín reúnese co Club Financeiro para analizar a política económica e empresarial de Santiago

Encontro no Club Financeiro de Santiago
Encontro no Club Financeiro de Santiago

Propón a coordinación dos viveiros empresariais de Costa Vella e Uninova e crear dous novos: un de pequeno comercio na zona histórica e outro de naves industriais no Polígono da Sionlla

Goretti Sanmartín reúnese co Club Financeiro para analizar a política económica e empresarial de Santiago

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019.- A portavoz municipal e candidata do do BNG, Goretti Sanmartín, participou nun almorzo co Club Financeiro de Santiago onde apostou pola coordinación da política de viveiros empresariais e pola creación de dous novos, un deslocalizado na zona histórica para actividades comerciais non vinculadas ao turismo e outro de naves industriais públicas no Polígono da Sionlla. No encontro estivo acompañada de Rubén Cela e de Lois Calvelo, membros da candidatura do BNG para o 26M.

“Unha medida que no BNG entendemos axudaría moito á economía compostelá sería a coordinación da política de viveiros”, explicou. “Para iso sería necesario realizar un labor de coordinación entre o Viveiro da Costa Vella, ese bo exemplo de traballo posto en funcionamento pola Cámara de Comercio, e o de Uninova”, engadiu. A isto acrecentou a proposta de planificar un viveiro de empresas deslocalizado na zona histórica para actividades comerciais non vinculadas directamente co turismo. Neste sentido, “o Consorcio de Santiago podía considerar como obxectivo comprar ao ano cinco locais baleiros da zona histórica, rehabilitalos e poñelos en funcionamento para persoas emprendedoras que queiran iniciar o seu negocio”. “En 10 anos teriamos 50 locais destas características que servirían tamén para fixar poboación na zona vella, recuperar o uso cotián de certas rúas e combater o proceso de souvernización da zona histórica”, destacou. Isto complementaríase con impulsar un novo viveiro de naves industriais públicas no Polígono da Sionlla.

Unha das principais preocupacións do BNG, en que coincide con outros axentes locais, é a necesidade de diversificación económica do concello. “Temos unha economía excesivamente tercializada, cunha gran dependencia da Administración Pública e do Turismo e abonda sinalar que neste momento hai 33.547 altas na Seguridade Social no Sector Servizos por 2.829 no Sector Industrial”. “Precisamos, pois, conseguir reindustrializar Santiago”, afirmou.

Para conseguir ese obxectivo básico, incidiu na necesidade de completar as infraestruturas, en primeiro lugar o Orbital, pois a propia ampliación da AP 9 carece de sentido sen el. Unha vez aberta a variante de Aradas é o que lle falta á zona industrial norte. “A nosa avaliación  dos orzamentos que o PSOE presentou no Estado non poden ser máis negativa, entre outras cousas, pola desaparición desta consignación”, indicou. “Por tanto, caso de gobernarmos, do primeiro que fariamos sería solicitar unha xuntanza co Ministerio de Fomento para lle reclamar tanto o orbital como o orbitaliño, xunto coa humanización da rotonda de Conxo, e non só por unha cuestión estética, tamén por seguranza, porque o remate final supón un risco claro de accidentes e un perigo para os milleiros de persoas que pasan por ela día a día”, expresou.

Para o BNG tamén é imprescindíbel conseguir que o Polígono da Sionlla sexa verdadeiramente un polígono industrial e crear unha xanela única para empresas que facilite, axilice e acompañe na tramitación de permisos e licenzas. Hai que reforzar a área de Urbanismo no Concello e impedir que a administración local sexa un atranco, unha traba para quen queira instalarse en Santiago; ser facilitadores, conseguindo que alguén se encargue de entregar chave en man con dilixencia o espazo que precisa para se instalar, xunto cunha política que evite as deslocalizacións.

“Tampouco se pode consentir o atraso en pagamento a provedores que houbo, absolutamente escandaloso”, indicou, “triplicando practicamente o máximo legal e poñendo en problemas pequenas e medianas empresas”.

A estación intermodal, o impulso para a estación de mercadorías da Sionlla e dotar de novas zonas de aparcadoiro público foron outros dos temas da xuntanza, do mesmo xeito que a necesidade dunha planificación quinquenal do Xacobeo 2021, que cubrise desde o propio 2020 ao 2024 e que consiga que unha parte do que se faga teña un retorno en beneficio da poboación, ademais dos programas de colaboración coa USC para crear sinerxías de carácter empresarial e de creación de emprego.