DANZA

Goretti Sanmartín reúnese coa Plataforma Conservatorio de Danza en Compostela

Xuntanza coa Plataforma de Danza
Xuntanza coa Plataforma de Danza
Os datos que están a compilar de academias e escolas da comarca para unir as súas reivindicacións sinalan que hai gran demanda
Goretti Sanmartín reúnese coa Plataforma Conservatorio de Danza en Compostela

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión con representantes da Plataforma Conservatorio de Danza en Compostela, que están a recoller sinaturas para demandarlle á Xunta a súa creación para atender a demanda existente na comarca.

Esta plataforma xurdiu ao abeiro dunha iniciativa do BNG aprobada no Pleno de novembro de 2019 para que o Concello xestione coa Xunta a colaboración necesaria para implantar un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela.

Trátase de dotar Santiago de Compostela dun centro de formación de profesionais na actividade artística da danza en clave galega e con carácter oficial, cun plan formativo e titulación académica para a inserción laboral en compañías de danza, de interpretación e de teatro musical, entre outras artes escénicas.

Na xuntanza explicaron que están a organizar a presentación pública deste colectivo integrado por profesionais, alumnado, nais, pais e persoas afeccionadas ao baile que ven a necesidade de crear o Conservatorio Profesional de Danza en Compostela. Sinalan que hai unha gran demanda, como demostran os datos que están a compilar de academias e escolas da comarca para unir as súas reivindicacións.

Informaron tamén de que están a recoller sinaturas para reclamarlle á Consellaría de Educación a creación deste centro en Compostela, xa que a súa posta en marcha suporá unha mellor vertebración da oferta formativa no país ao complementar os conservatorios existentes en Lugo na Coruña.