ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín reúnese con persoal da USC e comprométese a revisar os acordos co Concello para arranxar o campus

encontro.USC
Encontro coa USC

Boa receptividade ás propostas do BNG na comunidade universitaria

Goretti Sanmartín reúnese con persoal da USC e comprométese a revisar os acordos co Concello para arranxar o campus

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2019.- A candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e a número 6 da lista, Esther Martínez, mantiveron un ‘Café co BNG‘ con persoal da USC de cara a intercambiar propostas para o programa, analizar a situación do ensino en Compostela e revisar os acordos para a mellora do campus sur e a colaboración mutua para aproveitamento de uso dos espazos universitarios para a toda a veciñanza.

De inicio presentaron as propostas do BNG para as Eleccións Xerais, incluídas no programa, como un modelo de vivenda pública para estudantado, ademais da necesidade de eliminar o enfoque centralizador e privatizador da actual normativa universitaria e de incrementar o financiamento das universidades, xunto coa dotación de bolsas e unha suba das contías de axudas públicas para este ámbito.

No relativo a temas locais, Goretti Sanmartín destacou a necesidade de colaboración entre a USC e o Concello, para aproveitar as infraestruturas deportivas e culturais para toda a veciñanza. Así, recolleu a boa disposición por parte da USC a estabelecer sinerxías coa Administración local, a comezar pola humanización do campus, para o que se fai necesario revisar e aclarar a competencia da rede viaria e do mantemento de mobiliario público. Para iso, coincidiron na necesidade da eliminación de coches en superficie no campus, para o que é necesario realizar previamente un aparcadoiro de xestión pública no propio campus.

Unha das propostas do BNG vai encamiñada a abrir as instalacións deportivas universitarias, como a pista de hóckey, campo de fútbol, pistas de atletismo, piscina e pavillón deportivo para abrilas ás persoas que viven en Santiago de Compostela, aínda que teña prioridade a comunidade universitaria. Tamén outros servizos como a escola infantil Breogán, que pode ofertar as prazas vacantes para o conxunto das familias con crianzas desta idade, ou o acordo sobre o uso do Auditorio da Universidade para a súa rehabilitación e apertura á oferta cultural da cidade.

No debate destacaron a necesidade de coordinar os viveiros de Emprendia e o da Sionlla, para apoiar a instalación de empresas punteiras e innovadoras, así como o asesoramento do profesorado da USC coa idea de favorecer os cultivos e poñer a producir o rural de Compostela, para a diversificación económica e produtiva.

Entre outros temas, saíron os problemas da cidade que debe camiñar para un novo modelo de turismo de calidade e sustentábel, a necesidade de fixar poboación na Cidade Histórica ou a axilización de temas administrativos e de Urbanismo. No ámbito educativo, expresaron a preocupación polo financiamento da USC, os recortes dos últimos anos que lle afectan ao ensino, a situación da Escola Municipal de Música, dos comedores escolares, do Conservatorio Profesional de Música e da Escola Oficial de Idiomas, que o BNG se comprometeu a xestionar coas administracións para conseguir  ampliacións de cara a unha mellor oferta e un óptimo funcionamento no vindeiro mandato municipal.

Goretti Sanmartín reúnese con persoal da USC e comprométese a revisar os acordos co Concello para arranxar o campus