INTERMODAL

Goretti Sanmartín: “Santiago é o único concello que asume 1,7 millóns de euros para a pasarela da intermodal por unha mala negociación coa Xunta e ADIF”

BNG
BNG

Lémbralle ao alcalde que a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as para a  construción da estación segue vixente no convenio

Goretti Sanmartín: “Santiago é o único concello que asume 1,7 millóns de euros para a pasarela da intermodal por unha mala negociación coa Xunta e ADIF”

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sinalou ao fío da visita ás obras da nova estación de autobuses que o Concello de Santiago asume a cantidade de 1.773.000 euros para a construción da pasarela da intermodal, que supón o 30% do investimento, “cando nos demais concellos non teñen que pagar por obras semellantes”. “Santiago é o único concello que asume 1,7 de euros para a obra da pasarela da estación intermodal por mor dunha mala negociación coa Xunta e ADIF”, explicou.

Goretti Sanmartín aludiu tamén “á carencia de incluír unha ampla zona de aparcamento no proxecto para favorecer deixar os vehículos privados, ademais de agardar a ver o modificado no plan de mobilidade na zona para facilitar os desprazamentos da veciñanza da Pontepedriña e do Castiñeiriño”, que se verá prexudicada pola alta densidade de tráfico.

Explicou que o Concello debía pedir a revisión do convenio tamén no referido á pasarela, porque Santiago vai ter que pagar, a diferenza doutros concellos, 1,7 millóns de euros cando a estación de tren é unha competencia de ADIF e a estación de autobuses da Xunta. Deste xeito, paga o 30% o Concello, 30% a Xunta e 40% o Estado. Ademais, o Concello de Santiago tivo que ceder gratuitamente os terreos de propiedade municipal, o custo das expropiacións dos terreos “e asumirá os custes de mantemento desa pasarela por máis de 120.000 euros anuais, en vez de custealos ADIF ou a Xunta”.

Xunto a iso, lémbralle ao alcalde que a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as para a construción da estación intermodal segue vixente no convenio, o que pode condicionar os prazos para a obra e a súa entrada en funcionamento.