CULTURA

Goretti Sanmartín solicita da Xunta que abra unha vía de negociación con artistas, Músicos ao Vivo, Hostalaría e Concello

Reclama que retire o recurso contra a ordenanza que permite realizar concertos “porque deixa nunha situación de inseguranza xurídica artistas e locais”

Goretti Sanmartín solicita da Xunta que abra unha vía de negociación con artistas, Músicos ao Vivo, Hostalaría e Concello

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, solicitou da Xunta que retire inmediatamente o recurso interposto contra a ordenanza municipal que permite que nos locais se poidan realizar concertos, sempre que non superen os niveis máximos de decibelios permitidos, e abra unha “vía de negociación” con artistas, asociación de Música ao Vivo, Hostalaría e Concello de Santiago. “Estes concertos en locais son tamén unha axuda para a desestacionalización do turismo e para conseguir que haxa máis pernoctacións; somos unha potencia cultural e temos que aproveitalo”, explicou.

Ademais, solicitou do Concello que, mentres non se resolva esta situación, estude de maneira inmediata aplicar outras fórmulas que garantan o desenvolvemento das actuacións. Entre elas, propuxo o modelo de “Cabos soltos”, unha iniciativa presentada a pasada fin de semana en Pontevedra que consiste na creación dunha marca específica e a coorganización por parte do Concello das diferentes programacións musicais e culturais que impulsan entidades privadas na cidade, como xa se fixera con anterioridade en Compostela. Pontevedra ten unha experiencia piloto de boas prácticas “para axudar o sector e salvar os impedimentos legais que queren afogar as actividades culturais e o poder da nosa creación musical; esa pode ser unha boa vía para o futuro tamén en Compostela”, propuxo. Desde logo, desde o BNG o que temos claro que “estancarse é retroceder e asumir como bo o intento do PP de eliminar esas manifestacións culturais que tanto lles molestan, porque no fondo hai un tufo a odio á cultura, ese sector sempre crítico e rebelde, que tanto leva traballado por esta cidade”.

Esta proposta estaba incluída na Ordenanza de ruídos “que pretendía salvar a difícil situación en que a Lei de Espectáculos do PP deixou á música en directo e que o BNG apoiou no pleno do pasado mes de novembro”. O BNG apoiou esta ordenanza porque a música ao vivo forma parte da identidade de Compostela, “porque hostalaría e artistas dan exemplo de responsabilidade, de capacidade de diálogo, de adaptación e de procura de consensos, ademais de que ese tecido, quer cultural quer empresarial é riqueza, económica mais tamén patrimonial, que debemos preservar”.

“Desde o BNG levamos tempo defendendo que as actuacións musicais nin son ruído nin teñen que ver cos problemas de ruído da cidade histórica”, sinalou. O BNG defende o dereito ao descanso do conxunto da veciñanza que habería que traballar, fundamentalmente, en dúas liñas destinadas a axudas para illamento de xanelas e portas por parte do Consorcio e tamén á promoción de campañas constantes de sensibilización cidadá.

Ademais, enmarcou o contexto cando “a Xunta de Galiza non fixo os seus deberes e non sacou o prometido novo Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas”, así “decide arremeter contra a cultura e contra a hostalaría sen mediar palabra, sen realizar ningunha xuntanza previa nin dar ningún tipo de explicación”, advertiu. “Xa podemos supor o que vai vir para o Xacobeo 2021 con esta maneira de actuar que pon en perigo a posibilidade de traballar de tanta xente no noso concello; estes son os procedementos a que nos ten afeitos o Partido Popular”, engadiu.