DESAFIUZAMENTO

Goretti Sanmartín: “Temos que conseguir parar este desafiuzamento coa presión social e política”

Rubén Cela e Goretti Sanmartín participaron na reunión con representantes do banco Santander na Coruña, onde acordaron buscar vías de solución e facer un seguimento “para que Isabel poida ficar definitivamente na súa casa”

Goretti Sanmartín: “Temos que conseguir parar este desafiuzamento coa presión social e política”

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2019.- Goretti Sanmartín e Rubén Cela participaron nunha reunión con representantes do banco Santander, na Coruña, para contribuír á negociación de cara a frear o proceso de lanzamento e desafiuzamento de Isabel Espasandín da súa vivenda. “Temos que conseguir parar este desafiuzamento co compromiso das administracións, a presión social e política”.

Goretti Sanmartín recoñeceu “a disposición” da entidade bancaria “a recibirnos e a poñer enriba da mesa as cuestións que son un clamor popular e unha mobilización social importante para parar o desafiuzamento de Isabel”.

Expresou, despois desta reunión, ter “certas esperanzas para poder paralo, coa busca de vías de solución para conseguir un acordo e facer un seguimento dos pasos que se van a dar, para continuar a negociación e evitar que o día 28 non haxa ese desafiuzamento e Isabel poida ficar definitivamente na súa casa”.

Goretti Sanmartín agradeceu esa mobilización social, “ese compromiso de tanta xente que se dirixiu ás oficinas do banco Santander en Santiago de Compostela para mostrar o seu rexeitamento a esta inxustiza”.