ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín transmítelle o apoio do BNG a Ferusa para desenvolver o Pacto polo Rural

Reunión con Ferusa
Reunión con Ferusa

Presentará as propostas para o rural este luns, logo de contrastalas con Ferusa e con asociacións veciñais e do sector agrario de Compostela

Goretti Sanmartín transmítelle o apoio do BNG a Ferusa para desenvolver o Pacto polo Rural

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, trasladoulle á directiva da Federación Rural de Santiago (Ferusa) o compromiso do BNG para aplicar os contidos do documento do Pacto polo Rural. No encontro participaron tamén Navia Rivas, Pilar Lueiro e Xosé Quintáns.

O BNG presentará as propostas para o rural este luns, logo de contrastar as medidas con representantes de Ferusa e con diversas asociacións veciñais e do sector agrario de Compostela.

Goretti Sanmartín coincide con Ferusa na necesidade de que para o bo funcionamento do Pacto polo Rural cómpre asegurar investimentos para un período temporal dun mínimo de 8 anos, mediante a fixación dunha cantidade anual para infraestruturas básicas e para mantemento, nunhas cifras que igualen o investimento medio por persoa do rural e do urbano. Ademais, ese orzamento anual ten que estar vinculado a obxectivos ben planificados e prefixados conxuntamente polo Concello e a propia veciñanza do rural.

Este Pacto polo Rural inclúe a existencia dunha Concellaría do Medio Rural dotada de recursos propios, técnicos e económicos, xa que o investimento realizado aínda resulta insuficiente para proporcionar maior benestar e calidade de vida.