SERVIZOS SOCIAIS

Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno a situación das residencias de maiores que rexistraron dous terzos das mortes producidas en Santiago por coronavirus

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“Galiza é un dos lugares onde o coidado de maiores está máis en mans privadas por falta de instalacións públicas e este é un proceso que hai que reverter”, explica Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno a situación das residencias de maiores que rexistraron dous terzos das mortes producidas en Santiago por coronavirus

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020.-  O grupo municipal do BNG de Santiago defenderá unha moción para reclamarlle ao Goberno da Xunta unha apertura dunha investigación nas residencias de maiores que rexistraron falecementos por coronavirus en Santiago de Compostela e a cancelación de concertos e prazas con aquelas empresas ou entidades onde se constatasen incumprimentos normativos. En Santiago faleceron por coronavirus 23 persoas das residencias de maiores, o que supón dous terzos das mortes rexistradas até o momento.

“Unha das cuestións que máis alarma xerou en Santiago de Compostela e no noso país foi o número das persoas infectadas e falecidas que vivían en residencias de maiores, o que dá conta de que faltaban protocolos, medios, protección e unha garantía de seguranza”, explicou Goretti Sanmartín.

Son 266 persoas das que se informou que están vinculadas a centros residenciais, o que supón algo máis do 45% das persoas mortas con coronavirus en Galiza. No caso de Santiago de Compostela, dous terzos das persoas falecidas vivían en residencias. Até o momento, son 23 as persoas falecidas por esta doenza; 22 na Domus Vi de San Lázaro e unha na de Geriatros e houbo 120 persoas infectadas, 90 usuarias e 30 persoal traballador, segundo os datos oficiais.

Tal como constatan diversas asociacións a prol da sanidade pública e de vítimas nestas residencias, “houbo problemas importantes e a Xunta de Galiza, que tiña competencias totais neste ámbito, non actuou de maneira rápida nin fixo unha intervención que puidese minimizar esta situación e só actuou cando estas residencias foron incapaces de manter a situación e pediron axuda”. “Todo isto tiña que terse solucionado moito antes e realmente fica sempre a dúbida do que aconteceu”, engadiu.

Deste xeito, o BNG trasladará ao Pleno unha moción para que o Concello de Santiago se posicione e lle propoña ao Goberno da Xunta a apertura dunha investigación nas residencias de maiores que rexistraron falecementos por coronavirus en Santiago de Compostela, a cancelación de concertos e prazas con aquelas empresas ou entidades onde se constatasen incumprimentos normativos, a avaliación de cara ao futuro das instalacións dos centros de maiores para determinar as súas posibilidades de medicalización antes de posíbeis rebrotes.

Reclama tamén “a aplicación dun protocolo claro de atención ás familias, incluíndo un sistema de información estábel, fiábel e diario que sabemos que até o momento non se produciu; a medicalización de forma efectiva das residencias, a garantía de todas as medidas de hospitalización das persoas que o precisaren e a arbitraxe de medidas para axudar as familias que están a pagar prazas privadas mentres agardan por unha pública e poden ficar sen recursos ou velos moi minguados por esta situación de crise sanitaria”. Ademais propón, a medio prazo, a elaboración “dun plan de nacionalización das residencias de maiores”.

“Desde o BNG entendemos que o coidado de maiores non pode nunca ser un negocio, ten que ser un servizo”, explicou Goretti Sanmartín. “Galiza é un dos lugares onde o coidado de maiores está máis en mans privadas por falta de instalacións públicas e este é un proceso que hai que reverter”, sinalou, “precisamente a crise do coronavirus fixo que iso fose unha evidencia”.

 

Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno a situación das residencias de maiores que rexistraron dous terzos das mortes producidas en Santiago por coronavirus