PREVENCIÓN

Goretti Sanmartín urxe ao Goberno de Martiño Noriega a realizar os labores de prevención de incendios nos montes municipais

Require tamén que se inste ao Ministerio de Defensa a manter en bo estado os terreos do campo de tiro de Bando, que leva case 20 anos abandonado

Goretti Sanmartín urxe ao Goberno de Martiño Noriega a realizar os labores de prevención de incendios nos montes municipais

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei reclamou o coidado e prevención de cara á tempada estival “do que ten que ser rozas e manter en bo estado terreos de titularidade municipal para evitar os incendios forestais, pois neste ano hai un prazo máximo, que é o 31 de maio, para estes labores de prevención para reducir o risco de propagación do lume na proximidade a vivendas que mesmo pode xerar alarma entre a poboación”.

Xa iniciado maio, dixo, “queremos facer unha chamada de atención para realizar estes traballos de prevención porque como sempre dicimos os lumes cando se apagan é no inverno con eses labores de coidado do monte mais, sobre todo, na primavera é fundamental acometer rozas para ter o monte máis limpo de cara a esa tempada de verán”, advertiu.

De maneira especial, afirmou, preocupan os lugares de alto risco onde xa se produciron incendios en anteriores ocasións, zonas sensíbeis que son de titularidade municipal onde o Concello debe dar exemplo. Referiuse así ás abas do Pedroso e da Selva Negra que sufriron incendios de importancia, “son zonas sensíbeis e instamos a que se actúe sobre elas da maneira máis rápida posíbel”.

“Outra zona que nos preocupa son os terreos do campo de tiro de Bando, posto é que moi imprudente por parte do Ministerio de Defensa, como titular desta propiedade, mais ten que ser o Concello de Santiago quen ten que se preocupar de evitar que estea convertido nun silveiral”, destacou. Este campo de tiro vai facer 20 anos que está abandonado e está nun estado “deplorábel”, “por iso aproveitamos para instar ao Concello para que se fagan as xestións oportunas para conseguir a súa cesión, pois no seu momento había un proxecto para facer instalacións deportivas de bicicleta de montaña e non ten sentido que o Ministerio de Defensa o manteña neste estado deplorábel”. Así, o BNG reclama que se actúe con urxencia “porque queda pouco tempo para o 31 de maio”.

Esta iniciativa enmárcase no ámbito “para conseguir un monte multifuncional, diverso e respectuoso co medio ambiente, por estes motivos aproveitamos para preguntarlle ao Goberno local que está a facer a respecto da proposta do BNG aprobada no Pleno municipal pola moratoria da plantación de eucaliptos até 2030”, porque Santiago ten que ser un referente en políticas ambientais “e temos que conseguir que poida haber no canto de eucaliptos frondosas caducifolias, froiteiras e outro tipo de árbores que non contribúan a converter Galiza nun eucaliptal”.

Goretti Sanmartín urxe ao Goberno de Martiño Noriega a realizar os labores de prevención de incendios nos montes municipais