PLENO

Goretti Sanmartín urxe a revisar o Plan Xeral para acompañar a suspensión temporal de novos hoteis e vivendas turísticas  

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Santiago sufriu unha alteración das formas de vida e unha perda de cohesión social por mor do cambio das vivendas de alugueiro a turistas
Goretti Sanmartín urxe a revisar o Plan Xeral para acompañar a suspensión temporal de novos hoteis e vivendas turísticas  

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sinala que a suspensión temporal para a implantación de novos aloxamentos turísticos debe ir acompañada das revisións do Plan Xeral e do Plan Especial da Cidade Histórica, dos que non se avanzou nos últimos catro anos. “É nesas normativas onde temos que delimitar en que lugares e condicións pode haber oferta de vivendas de uso turístico, hoteis e demais estabelecementos”, explicou.

Para o BNG, chegouse a este punto de estabelecer a moratoria sobre novas vivendas turísticas e novos hoteis cando saltaron as alertas ante a falta de pisos para alugar a residentes e coa perda do tecido residencial da cidade, algo que ten como lóxica consecuencia a expulsión de habitantes da cidade.

“Ou decidimos dar un paso ou Compostela pode perder a súa fasquía para sempre, non seremos a primeira cidade que ten que tomar decisións que poden parecer drásticas”, destacou. Neste sentido, lembrou que é competencia municipal regular os usos cando se detecta este problema nunha cidade das dimensións de Santiago, que sofre unha alteración notábel das formas de vida e unha perda de cohesión social.

Esta medida ten que ir acompañada de propostas para mobilizar a vivenda baleira en Compostela, sinalou. “Trátase dun parque de entre 5.000 e 9.000 vivendas segundo as fontes consultadas que temos que conseguir pór á disposición da poboación”, engadiu.

Así, emprazou a realizar as revisións necesarias do Plan Xeral e do Plan Especial da Cidade Histórica, pois “non ten sentido esta suspensión cautelar se logo agardamos a ver como pasan os meses e nada se move”.

Ademais, Goretti Sanmartín afirmou que cómpre traballar para que a Xunta respecte o marco competencial local e non se continúen a producir situacións en que hai persoas propietarias con vivendas turísticas autorizadas inscritas no Rexistro da Xunta e non do Concello, “que xeran conflitos que deberían ficar ben definidos nun marco de relacións interinstitucionais de colaboración e apoio”.

Destacou tamén que só se entende esta proposta de suspensión temporal se vai acompañada “da inspección necesaria e da toma de decisións no referido a disciplina urbanística, que tampouco se efectuou nos últimos anos”, advertiu. Así, é necesario un control de vivendas ilegais, que non teñen título habilitante municipal e tampouco figuran no Rexistro da Xunta.

Goretti Sanmartín urxe a revisar o Plan Xeral para acompañar a suspensión temporal de novos hoteis e vivendas turísticas