ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “A xente de Santiago que apoiou o BNG soubo valorar a necesidade de que Galiza teña voz propia no Congreso”

10N
10N
O BNG obtivo 7.062 votos (12,8%) e sitúase como terceira forza política
Goretti Sanmartín: “A xente de Santiago que apoiou o BNG soubo valorar a necesidade de que Galiza teña voz propia no Congreso”

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019.- A portavoz municipal nacionalista, Goretti Sanmartín, realizou unha valoración dos resultados electorais do 10N en Santiago de Compostela, onde o BNG obtivo 7.062 votos (12,8%) e se sitúa como terceira forza política en representación.

Goretti Sanmartín agradeceu a todas as persoas de Santiago de Compostela que depositaron a confianza no BNG nas eleccións do 10N, “pois foron máis de 7.000 persoas que representan un 12,8% o que significa que é a cidade do conxunto do país con maior porcentaxe de apoio ao BNG, cun incremento de 4 puntos a respecto das pasadas eleccións do mes de abril”.

Destacou que a xente de Santiago de Compostela que apoiou o BNG soubo valorar “a necesidade de que Galiza teña voz propia no Congreso, por iso queremos transmitirlles que o BNG estará para defender os intereses de galegos e galegas e tamén de Santiago de Compostela”. “Estamos nun momento magnífico para comezar unha etapa nova onde temos un reto e un obxectivo inmediatos, que son comezar a traballar para desprazar o PP e a Feixóo da Xunta de Galiza en 2020”, engadiu.

Aproveitou tamén para felicitar a todas as persoas que traballaron, militantes e simpatizantes, nesta campaña “mais sobre todo agradecer a todas aquelas que, independentemente do que votasen noutras eleccións, decidiron que había que confiar en ter unha voz propia no Congreso, que ademais serviu para frear a extrema dereita e que esta non tivese posibilidades de ter representación en Galiza”.