ORZAMENTOS XUNTA

Goretti Sanmartín: “A Xunta segue a desprezar nos Orzamentos a veciñanza da capital de Galiza”

Bota en falta un plan de emprego centrado en Santiago de Compostela para frear a emigración

Goretti Sanmartín: “A Xunta segue a desprezar nos Orzamentos a veciñanza da capital de Galiza”

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, realizou unha valoración inicial dos Orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela en 2019 e destacou que “a Xunta segue a desprezar a veciñanza da capital de Galiza, pois o groso vai para o Xacobeo e non ten en conta as necesidades de crear escolas infantís, centros de saúde, a nova depuradora ou vivenda pública”.

Deste xeito, indicou que non aparecen consignados orzamentos para crear novas escolas infantís públicas pese á demanda existente, nin o centro de saúde de Conxo, nin o proxecto para vivenda pública en Xoán XXIII, nin partida para a nova depuradora, “o que demostra que a Feixóo non lle importa que se continúe un ano máis a contaminar o Sar”. Tampouco aparecen a ampliación do Conservatorio nin a nova Escola Oficial de Idiomas.

Botou en falta tamén un plan de emprego centrado en Santiago de Compostela para frear a emigración, tendo en conta que nos últimos 10 anos perdeu o 31% da súa poboación por falta de oportunidades laborais. Perto de 13.000 veciños e veciñas de Santiago de Compostela viven no estranxeiro, segundo datos do IGE.

Porén, centra grandes partidas para o Edificio Fontán na Cidade da Cultura, antes concibido como Teatro da Ópera, e nun Xacobeo orientado ao exterior e non a dotar dos servizos necesarios Santiago de Compostela, nin a reordenar o seu turismo, cando o que se precisa é facer compatíbel o feito de ser residente coa chegada de visitantes.

No plano positivo, Goretti Sanmartín destacou que se concretan nos orzamentos 1,5 millóns para a nova Facultade de Medicina; 13,4 millóns para a estación intermodal; 1,5 millóns para a variante de Aradas; cofinanciamento para a ampliación do CEIP Lamas de Abade; 650.000 euros para a reforma da instalación eléctrica do Politécnico; 10 millóns de euros para o SUNP 25 de Roxos, 400.000 euros para actuacións en hospitais.

En canto ao Consorcio da Cidade, asignáronse 1,7 millóns e ao Estatuto de Capitalidade 2,3 millóns de euros; partidas conxeladas hai anos por mor da crise económica.

Goretti Sanmartín: “A Xunta segue a desprezar nos Orzamentos a veciñanza da capital de Galiza”