Homenaxe a Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Santiago de Compostela asasinado na ditadura

Homenaxe a Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Santiago de Compostela asasinado na ditadura

anxel.casal.alcaldeO BNG organiza un acto de homenaxe a Ánxel Casal, ex-alcalde nacionalista de Santiago de Compostela que foi asasinado na ditadura franquista. O evento contará coas intervencións da portavoz nacional, Ana Pontón, e do portavoz municipal, Rubén Cela, e será este venres 19 de agosto ás 12:30 na rúa do Vilar, número 15, onde tiña a imprenta Nós.

A actriz Tero Rodríguez interpretará un monólogo de María Miramontes, integrante das Irmandades da Fala e muller de Ánxel Casal, e os músicos da Requinta de Xián amenizarán o evento con pezas de repertorio tradicional galego. Logo, Ana Pontón, Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei colocarán a bandeira de Castelao co lema "Denantes mortos que escravos" no pazo de Raxoi.

Uns datos biográficos

Ánxel Casal Gosenxe naceu na Coruña en 1895 e foi asasinado en 1936 en Cacheiras, nas inmediacións de Santiago de Compostela. Foi integrante das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, propietario da editorial e da Imprenta Nós, membro do comité para o Estatuto do 36, alcalde de Santiago de Compostela e vicepresidente da Deputación da Coruña.

Comeza a traballar nun negocio familiar na Coruña até que emigra a Bos Aires, de onde retorna aos dous anos. En 1918 asina o manifesto fundacional do nacionalismo galego da Asemblea das Irmandades da Fala.

En 1924, foi impulsor das Escolas do Ensino Galego e, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, funda a Editorial Lar da que se desvincula en 1927 para crear a Editorial Nós.

Con María Miramontes, activa integrante das Irmandades da Fala, trasládase a Compostela en 1931 para editar, entre outras, as publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

Colaborou con diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicais. Foi editor e impresor de ducias de publicacións periódicas e promotor da Asociación de Escritores de Galiza, truncada polo alzamento franquista.

Destaca a faceta de Casal como editor con conciencia expresa de pór en marcha unha industria cultural galega, como un auténtico método de transformación da sociedade. Foi un gran valedor e promotor do libro galego e, polo tanto, un dos primeiros grandes espalladores das ideas do galeguismo e da dignificación da cultura e da lingua galegas.

Así, quixo dotar Galiza, coa lingua galega como vehículo de comunicación, dunha estrutura editorial, tanto na edición de textos fundamentais para a cultura galega moderna, como na presentación estética desas obras, de acordo coas tendencias profesionais da edición europea do momento.

Como secretario de propaganda do Partido Galeguista, asiste á xuntanza organizada no Concello de Santiago para convocar a Asemblea de Municipios para a redacción do Estatuto. En 1934 participa no Mitin das Arengas, na praza da Quintana. Fixo parte da comisión que entregou o texto do Estatuto ás Cortes, logo de ser recibido en audiencia polo presidente da República.

O 20 de xullo de 1936, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando do Concello de Santiago. O 4 de agosto é conducido á cadea, onde estivo detido canda presos republicanos, entre eles o seu amigo Camilo Díaz Baliño, quen debuxou a lapis un retrato de Casal pouco antes do seu asasinato a mans da represión franquista.

En 1940, as Mocedades Galeguistas da Arxentina publicaban un discurso de Castelao baixo o selo de Edicións Ánxel Casal.

Homenaxe a Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Santiago de Compostela asasinado na ditadura