CENTROS SOCIOCULTURAIS

O BNG cualifica de “cortina de fume” o anuncio do alcalde de levar á Fiscalía a xestión anterior dos centros socioculturais

“Os pregos do novo contrato son, no fundamental, idénticos e algúns dos cambios efectuados traerán problemas”, advirte Rubén Cela

O BNG cualifica de “cortina de fume” o anuncio do alcalde de levar á Fiscalía a xestión anterior dos centros socioculturais

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualificou de “cortina de fume” o anuncio do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de levar á Fiscalía a xestión dos centros socioculturais durante as épocas pasadas cando levan un ano sen soporte legal nin contractual.

Para Rubén Cela, un Goberno municipal “non só ten a lexitimidade, senón a obriga de acudir á Xustiza ordinaria no caso de detectar calquera tipo de práctica irregular ou que intencionadamente teña causado un grave prexuízo para a institución”, explicou en rolda de prensa. Mais dende o punto de vista do BNG non é esa a motivación do Goberno de Compostela Aberta á hora de elevar á Fiscalía a xestión dos centros en épocas pasadas.

Así, recoñeceu que existiron problemas na execución práctica dese contrato “dende o punto de vista da diferenciación clara de onde remataban as funcións do Concello e onde comezaban as da empresa adxudicataria da prestación dese servizo mais, sen lugar a dúbidas, “a maior das irregularidades na xestión dos centros socioculturais produciuse este último ano co Goberno de Compostela Aberta”.

Deste xeito, advertiu que Compostela Aberta vulnerou “flagrantemente o espírito e a letra da Lei de Contratos do Sector Público ao conceder a dedo a xestión dos centros socioculturais durante máis dun ano por un valor superior a 1 millón de euros”. “Isto non é unha irregularidade administrativa, é unha ilegalidade manifesta que se consuma todos os meses co levantamento todos os meses dun reparo da Intervención municipal para pagar unha factura mensual de 80.000 euros”, explicou, “co que o BNG leva ano e medio denunciando esta situación”.

“Ademais, sinalou que os pregos do novo contrato son, no fundamental, idénticos e algúns dos cambios efectuados traerán problemas”, advertiu.