A mala xestión do Goberno de Compostela Aberta impediu executar obras en prazo por 360.000 euros

A mala xestión do Goberno de Compostela Aberta impediu executar obras en prazo por 360.000 euros

Urxe que reclamen unha prórroga para evitar a perda dos fondos e que contraten a dirección facultativa das obras para iniciar o arranxo de pistas

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago pediulle explicacións ao Goberno local de Compostela Aberta sobre as actuacións previstas na contorna das rúas Escarabuña e A Pedreira, con obras adxudicadas no mes de decembro de 2015 que non foron executadas en prazo, e as consecuencias desta falta de xestión municipal, co risco de perder os fondos da Deputación e de indemnizar as empresas que gañaron o concurso.

As obras da contorna das rúas Escarabuña e A Pedreira, con cargo ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS 2015), foron adxudicadas na Xunta de Goberno do 11 de decembro de 2015 por unanimidade dos seus membros e con aprobación de expedientes anticipados de gasto. En concreto, as da Escarabuña e rúas anexas tiñan un orzamento de 182.015 euros da oferta gañadora de Construcciones Taboada y Ramos. Ademais, na da obra da rúa Pedreira e anexos, o orzamento era de 178.646 euros e foi adxudicada a Construcciones Rafer.

O Goberno municipal non contratou a dirección facultativa destas obras, o que provocou que a acta de replanteo necesaria para o inicio das mesmas fose negativa, feito que impediu que as empresas puidesen comezar as actuacións.

Transcorridos 6 meses, o BNG advirte o Goberno local do risco de que as empresas renuncien á execución das obras e reclamen unha indemnización equivalente ao 3% do orzamento, debido á mala xestión municipal, ademais da necesidade de reclamar unha prórroga á Deputación para evitar a perda destes fondos económicos.

Para o BNG, esta xestión ineficaz por parte do Goberno local ten consecuencias para a veciñanza da rúa Pedreira e da rúa Escarabuña, que sofren un atraso innecesario para ver realizadas estas actuacións de reparación, conservación e mantemento da rede viaria en mal estado co fin de incrementar a seguridade, limpar as cunetas, repor as táxeas, tubaxes e arquetas deterioradas.

Estas obras comprenden actuacións en pistas de Escarabuña, A Pedreira, Roxos, Larañiño, A Silvouta, Sixto, A Costa-Cacharela, O Cañizo, Lobios, Folgoso, Ponte Vilar, O Xabral, Vilas, Camouzo, Vilariño, San Silvestre e Garabal, entre outras.

A mala xestión do Goberno de Compostela Aberta impediu executar obras en prazo por 360.000 euros