PLENO

O BNG rexistra unha moción para derrogar o Real Decreto-Lei que recorta a achega pública sobre medicamentos, prestacións e recursos sanitarios

Informes de organizacións sociais advirten de casos de persoas que viron vulnerado o seu dereito á saúde

O BNG rexistra unha moción para derrogar o Real Decreto-Lei que recorta a achega pública sobre medicamentos, prestacións e recursos sanitarios

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2017.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para derrogar o Real Decreto-Lei 16/2012 que reforma de xeito estrutural o sistema de saúde contra o principio de universalidade do acceso á atención sanitaria e recorta a achega pública sobre medicamentos, prestacións e recursos sanitarios. Na iniciativa ínstase, ademais, á Xunta a non aplicalo.

Nesa normativa especifícanse os requirimentos e condicións das persoas aseguradas e beneficiarias do sistema sanitario, o que supuxo unha transformación profunda ao reducir a carteira básica de servizos e recortar a achega pública sobre medicamentos, prestacións e recursos sanitarios, co conseguinte incremento do gasto para as familias.

Ademais, modificouse o dereito de acceso ao sistema de saúde, supeditando o mesmo á condición de “asegurado/asegurada” ou “beneficiario/a". Desta forma, a nova lexislación rompeu co principio fundamental de Universalidade do Sistema de Saúde. Os efectos desta medida foron devastadores sobre a poboación máis vulnerábel, tal como se documentado durante os últimos anos por diversas organizacións sociais.

Xa dende o momento da aprobación do RDL 16/2012 foi contestado dende diversas comunidades autónomas que rexeitaron a súa aplicación ou proveron mecanismos para evitar que determinados colectivos de persoas ficasen totalmente fóra do sistema sanitario. Paulatinamente, durante 2015, varias comunidades aprobaron decretos, instrucións e ordes que ampliaban substancialmente o acceso ao sistema por parte destas persoas. Estas medidas non foron suficientes para reverter as consecuencias da exclusión sanitaria imposta polo Real Decreto-Lei 16/2012.

En vista da situación anteriormente descrita, faise evidente que a fin definitiva da exclusión sanitaria e a restitución dun sistema sanitario verdadeiramente universal só poden chegar a través dunha modificación lexislativa de alcance estatal que leve implícita a derrogación do Real Decreto-Lei 16/2012.

O BNG rexistra unha moción para derrogar o Real Decreto-Lei que recorta a achega pública sobre medicamentos, prestacións e recursos sanitarios