PLENO

O BNG defenderá no Pleno que o Concello de Santiago se posicione para reclamarlle a Fomento a transferencia da titularidade da AP-9

AP-9
AP-9

Rescatar con fondos públicos autoestradas de Madrid supón unha dobre discriminación para Galiza

O BNG defenderá no Pleno que o Concello de Santiago se posicione para reclamarlle a Fomento a transferencia da titularidade da AP-9

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2016.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha moción para que o Concello de Santiago inste a todos os grupos políticos con representación nas Cortes Xerais a axilizar a tramitación da Proposición de Lei  Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galiza, que foi aprobada por unanimidade do Parlamento e obtivo o rexeitamento do Goberno español e do Ministerio de Fomento.

A proposta  de acordo da iniciativa do BNG recolle tamén a oposición ao rescate multimillonario con fondos públicos de autoestradas co único fin de salvar á Banca e as construtoras que as xestionan, ademais de instar a que os recursos públicos se destinen prioritariamente ao rescate de autoestradas en beneficio das usuarias e usuarios finais, para rematar coas peaxes abusivas da AP-9.

A AP-9 é unha autoestrada que abrangue unha parte moi importante do territorio galego, ao conectar toda a franxa atlántica e catro das sete cidades galegas. Malia o seu carácter vertebrador, a AP-9 continúa a depender do Goberno español, que mantén unhas peaxes desorbitadas que limitan o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos e lastran o desenvolvemento de sectores económicos galegos. As competencias e a xestión desta autoestrada por parte do Estado é motivo de controversia, non só polas abusivas peaxes, senón tamén polo deterioro e servizo deficiente que presta a concesionaria, coa complicidade do Goberno español.

O Goberno español parapetouse nun suposto incremento orzamentario para vetar o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galiza e abaratar o seu custe para as usuarias e  usuarios, cando se producen achegas de cantidades multimillonarias de diñeiro do orzamento público para rescatar autoestradas quebradas en Madrid, o que supón unha dobre discriminación para os galegos e as galegas.

O BNG defenderá no Pleno que o Concello de Santiago se posicione para reclamarlle a Fomento a transferencia da titularidade da AP-9