ENSINO

Navia Rivas propón axilizar a dotación de internet no rural e na Cidade Histórica para reducir a fenda dixital

Navia Rivas
Navia Rivas
Reclama suprimir as taxas universitarias no próximo curso e triplicar as bolsas de axudas dispoñíbeis por parte da Xunta
Navia Rivas propón axilizar a dotación de internet no rural e na Cidade Histórica para reducir a fenda dixital

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020.- A concelleira Navia Rivas propón que o Goberno local, en colaboración coas demais administracións e empresas de telecomunicacións, impulsen a dotación de internet de banda larga no rural compostelán e na Cidade Histórica co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades entre estudantes, comerciantes e demais sectores. “Ademais da falta de recursos en moitas vivendas, hai numerosas persoas afectadas nestes momentos por ter conexións de internet que se interrompen, o que dificulta o seguimento das aulas dixitais, reunións virtuais ou mesmo o teletraballo durante o confinamento por mor da pandemia do coronavirus”, afirmou.

Deste xeito, empraza “a tomar en serio a redución da fenda dixital que afecta, principalmente, o rural compostelán e a Cidade Histórica, ademais das diferenzas detectadas por segmentos de idade e de xénero”, explicou.

Ante as dificultades de seguir o ritmo do curso académico de xeito telemático polas conexións precarias de internet en determinadas zonas de Santiago, o BNG aposta por facilitar a promoción de curso en todos os niveis do ensino e por avaliar o alumnado unicamente polos contidos impartidos até que se suspenderon as clases presenciais, para evitar que a fenda tecnolóxica prexudique estudantes con menos recursos.

Ademais, propón suprimir as taxas universitarias no próximo curso e triplicar as bolsas de axudas dispoñíbeis por parte da Xunta. “É necesario adoptar medidas extraordinarias ante a crise que se enxerga para que ningún mozo ou moza que teña intención de cursar estudos universitarios vexa en risco o seu futuro por cuestións económicas”, sinalou Navia Rivas.

O BNG recibiu queixas e preocupación pola falta de transparencia da Xunta pola data das oposicións ao profesorado, ante o temor de ter que facer os exames no mes de xuño nun gran recinto sen as medidas de prevención axeitadas. “Non se pode usar a convocatoria de oposicións como baza electoralista, posto que está en xogo o futuro profesional de milleiros de persoas que dedican boa parte do seu tempo a preparar estes exames”, advertiu. Así, reclama a convocatoria urxente da Mesa Sectorial de Educación, un órgano de negociación que debe ser quen acorde a data concreta das oposicións docentes, para non pór en risco a súa saúde, e que se comunique con urxencia o aprazamento das oposicións até 2021 co compromiso de aumentar o número de postos ofertados tendo en conta o incremento que vai supor a taxa de reposición que se estableza para 2021.


Demanda tamén que a Xunta non escatime recursos para o vindeiro curso no ensino público posto que, con alta probabilidade, haberá que reducir a ratio de alumnado por aula, para o que se vai precisar máis profesorado e con especialización nas diferentes materias a impartir, xunto coas medidas de dotar unha partida extraordinaria para a concesión de bolsas de axudas para alumnado e a supresión das taxas de matrícula.

Navia Rivas propón axilizar a dotación de internet no rural e na Cidade Histórica para reducir a fenda dixital