PLENO

Navia Rivas propón un programa de actividades para a divulgación do legado de Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento

Navia Rivas
Navia Rivas
Na iniciativa que trasladará ao Pleno figuran propostas do asociacionismo como a elaboración dun mural e a sinalización dun roteiro vinculado á súa traxectoria
Navia Rivas propón un programa de actividades para a divulgación do legado de Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2020.- A concelleira Navia Rivas proporá no Pleno unha iniciativa do BNG destinada a desenvolver un programa de actividades para a divulgación do legado de Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento.

Entre as propostas saídas de achegas do asociacionismo veciñal e cultural que recibiu o BNG para esta iniciativa, destacou erixir unha escultura en bronce “que se podería colocar nun lugar polo que el acostumaba pasar, ben diante da galería Sargadelos ou no camiño cara ao Museo do Pobo Galego”; realizar un mural de Isaac Díaz Pardo, que pode ser con pezas de cerámica, dalgunha das súas obras ou dunha representación da súa imaxe; e elaborar unha chapa “con algunha das súas imaxes e o texto ‘Sempre’ coa tipografía do Sempre en Galiza de Bos Aires”; ademais dun roteiro por lugares vinculados á súa traxectoria como veciño de Compostela.

Segundo explicou en rolda de prensa, Isaac Díaz Pardo naceu no número 37 da rúa das Hortas, en Santiago de Compostela, o 22 de agosto de 1920. “Cen anos despois, cómpre recoñecer o legado que deixou para a capital de Galiza este pintor, deseñador, ceramista, escritor, promotor cultural, editor e empresario compostelán”, engadiu. Nesa casa familiar de Camilo Díaz Baliño e Antonia Pardo Méndez, pai e nai de Isaac, convocáronse as primeiras reunións das Irmandades da Fala e o baixo da vivenda era un obradoiro artístico e de deseño, de onde saíu a campaña gráfica a favor do Estatuto de Autonomía, lembrou Navia Rivas.

En 1949 creou en Sada a fábrica Cerámicas do Castro, viaxou a Arxentina onde se relacionou con artistas galegos no exilio e alí impulsaron o Laboratorio de Formas de Galiza, coa intención de recuperar e proxectar a identidade do país que, con posterioridade, daría pé a erguer o tecido empresarial do Grupo Sargadelos.

De volta a Galiza, en 1963 fundou Ediciós do Castro, especializada na divulgación de temas culturais e históricos. Do seu afán emprendedor, seguiron a creación do Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, o Seminario de Estudos Cerámicos, o Novo Seminario de Estudos  Galegos, o Laboratorio de Industria e Comunicación e as galerías de Sargadelos. O edificio do Instituto Galego de Información (IGI) fundado en 1977 e situado en San Marcos, ademais de usalo para a súa residencia nesa etapa, serviulle para compilar material da cultura galega no exilio, o fondo de documentación política do Consello de Galiza presidido por Castelao e boa parte do patrimonio artístico de Camilo Díaz Baliño, entre outros.

Entre os recoñecementos que recibiu están a Medalla de Ouro e a declaración como Fillo Predilecto da Cidade de Santiago de Compostela (1988), Doutor Honoris Causa (1992) da Universidade de Santiago de Compostela, Premio Arquitecto Honorífico do Colexio de Arquitectos de Galiza (2001) e Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2009). En Santiago de Compostela organizáronse, cando menos, dúas exposicións conmemorativas logo do seu falecemento en 2012.

Camelios da praza de Fonseca

“Pensando na figura de Díaz Pardo coa unión entre tradición, innovación e modernidade e a defensa do patrimonio, no BNG temos claro que sería unha persoa respectuosa e mantería os camelios na praza de Fonseca”, sinalou Navia Rivas ao fío da proposta do alcalde para a eliminación destas árbores incluída no documento de obras para a Xacobeo.

A praza de Fonseca tamén é unha mostra de patrimonio e “quitar esas camelias é un absurdo e supón un erro”, sinalou, “pois son un elemento característico deste tipo de edificios, das grandes casas e dos pazos, e por iso queremos que se manteñan estas árbores ornamentais nunha das poucas prazas con árbores que hai na actualidade na Cidade histórica”.