PLENO

Navia Rivas proporá no Pleno a creación dunha tarxeta cidadá para o pagamento e bonificación de servizos e axudas municipais

Navia Rivas
Navia Rivas

“É un instrumento que pode unificar e facilitar as xestións, ademais de paliar o estigma da pobreza e a exclusión”, explicou

Navia Rivas proporá no Pleno a creación dunha tarxeta cidadá para o pagamento e bonificación de servizos e axudas municipais

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2020.- A concelleira do BNG Navia Rivas presentou unha proposición que defenderá no Pleno para posta en funcionamento da tarxeta cidadá para o pagamento e bonificación de servizos e axudas municipais.

Segundo os últimos datos do IGE (2018), na área de Compostela a taxa de risco de pobreza sitúase nun 13,18 por cento. Entre as medidas e recursos municipais para atender situacións de vulnerabilidade ou exclusión social está a Renda de Garantía Básica Cidadá, cunha renda de solidariedade activa, con axudas para afrontar situacións de risco social, para a prevención e a inserción social que se pode tramitar mediante esta tarxeta. Así, pode ser un instrumento para unificar e facilitar as xestións dos servizos municipais con funcionalidades que se poden incorporar segundo se avance na súa programación tecnolóxica. “Con este sistema simplifícase a xestión tanto para as persoas perceptoras como para o propio departamento municipal, ademais de contribuír a paliar socioloxicamente o estigma da pobreza e da exclusión”, explicou a concelleira.

Esta tarxeta cidadá multiservizo, que xa se utiliza noutros concellos como Vigo e Ourense, serve para unificar a identificación persoal para o pagamento e obtención de beneficios de prestacións, segundo o caso, do transporte público, dos parquímetros da ORA, das actividades dos centros socioculturais e instalacións deportivas, da Escola Municipal de Música e dos espectáculos culturais, entre outros; mais tamén podería utilizarse como tarxeta moedeiro para a adquisición de material escolar, bolsas de comedor e bonotaxi para persoas con diversidades.

Así, pode empregarse para adquisición de material escolar, realización de actividades extraescolares e bolsas de comedor, que en 2019 contaron con 600.000 euros e concedéronse 1.127 destas prestacións sociais, o que simplificaría estas xestións coa administración local.

Navia Rivas lembrou que na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentábel Integrada (EDUSI) está prevista a implantación dunha tarxeta cidadá “para facilitar o pagamento de servizos, con vantaxes e bonificacións, de cara a fomentar o empadroamento de residentes en Santiago de Compostela”.