PLENO

Navia Rivas reclamará no Pleno obras para mellorar a estrada, beirarrúas e pasos de peóns no barrio de San Lázaro

Navia Rivas
Navia Rivas
O BNG recibiu queixas da falta de mantemento e de limpeza nesta zona
Navia Rivas reclamará no Pleno obras para mellorar a estrada, beirarrúas e pasos de peóns no barrio de San Lázaro

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2019.- A concelleira do BNG Navia Rivas demandará no Pleno a realización de obras de mantemento da estrada, das beirarrúas e dos pasos de peóns no barrio de San Lázaro.

Reclamará, ademais, os labores de limpeza e de retirada de vexetación sobre as zonas de tránsito peonil para mellorar a seguranza viaria e favorecer a mobilidade, xunto coa instalación de bancos para descansar na contorna do estadio municipal Vero Boquete.

O BNG recibiu queixas da veciñanza de San Lázaro polo mal estado de conservación da estrada, beirarrúas, pasos de peóns e camiños e reclaman melloras para a súa boa conservación, así como a instalación de bancos para descansar na contorna do estadio Vero Boquete, co fin de mellorar a mobilidade na zona.

Asfalto cuarteado, fochancas, lousas soltas, maleza que invade as beirarrúas, plásticos e lixo amoreado nas beirarrúas son algúns dos exemplos que describen esta zona pola que transitan milleiros de vehículos e centos de persoas a pé cada xornada.

A situación repítese na contorna dos edificios sindicais e do estadio de San Lázaro, por onde pasean e fan deporte moitas persoas, especialmente no inverno, para se goreceren da chuvia.