PLENO

O BNG condiciona o apoio aos Orzamentos municipais á construción da planta de compostaxe

composteiro
composteiro

Propón destinar parte dos 1,7 millóns de euros concedidos pola Deputación a este proxecto para reciclar, cando menos, o 50% do lixo doméstico en 2020

O BNG condiciona o apoio aos Orzamentos municipais á construción da planta de compostaxe

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2016.- O BNG propón destinar fondos da Deputación da Coruña, dos 1.696.418 euros asignados ao Concello de Santiago no Orzamento 2017 no POS + (Plan Único), á construción dunha planta de compostaxe para o tratamento do lixo así como a un plan de sensibilización. “Santiago de Compostela, pola cantidade de parques públicos e poboación rural que ten, é o lugar idóneo para un proxecto deste tipo”, explicou a concelleira Goretti Sanmartín Rei.

“A Deputación da Coruña aprobou os Orzamentos o 18 de novembro, pese a non estar aprobados os do Estado nin os da Xunta”, indicou, “mais é fundamental que entrasen en vigor en xaneiro de 2017 para que os concellos soubesen a mediados de novembro as achegas que van dispor para facer unha previsión orzamentaria”.

Así, produciuse un cambio de modelo na Deputación para distribuír os 74 millóns de euros do Orzamento, engadiu Goretti Sanmartín Rei, “cun plan dinámico que vai incluír remanentes e pode chegar aos 100 millóns de euros”. Fusiona diversos plans para favorecer a simplificación administrativa e a autonomía local “para os concellos decidiren en que queren gastar os cartos”, cun financiamento ao 100% por parte do ente provincial, cando antes era do 80%. Inclúe tamén o pago a provedores locais para aqueles concellos que superen en máis de tres meses o período legal, que terán que destinar o 75% das cantidades a ese fin.

Pola súa parte, Rubén Cela indicou que a proposta da construción dunha planta pública de compostaxe de residuos domésticos orgánicos será “irrenunciábel e condición sine qua non para o BNG poder aprobar as contas neste Concello”. Esta planta deberá estar inserida nun proceso integrado que pasa por unha campaña de sensibilización, distribución de composteiros, retirada paulatina de colectores verdes, traslado dos restos de comida biodegradábeis á planta de compostaxe, tratamento e uso do material fertilizante obtido.

Deste xeito, esta iniciativa de destinar os fondos da Deputación á planta de compostaxe enmárcase na busca doutras fontes de financiamento para a súa construción. Ademais, o BNG na priorización do destino dos fondos europeos da EDUSI trasladou “como unha proposta nova asignar 500.000 euros a este fin”. Da mesma forma que requirirá unha partida propia nos Orzamentos municipais para a planta de compostaxe e que dentro deses 1,7 millóns da Deputación se asigne tamén unha cantidade a este proxecto, así como ás actuacións nas pistas do rural, programas sociais, culturais e deportivos, explicou Rubén Cela.