ORZAMENTOS

O BNG require, na negociación dos Orzamentos, a instalación de novos paneis de comunicación social aprobados en Pleno

expresion
expresion

A normativa determina que deben situarse, ademais de nos peches das obras, en soportes instalados polo Concello en emprazamentos visíbeis e transitados

O BNG require, na negociación dos Orzamentos, a instalación de novos paneis de comunicación social aprobados en Pleno

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2016.- O Pleno aprobou no mes de maio unha iniciativa do BNG para a instalación de novos paneis de comunicación social en emprazamentos visíbeis e transitados, tanto nos barrios como no centro da cidade, unha proposta que agora a formación nacionalista inclúe na negociación dos Orzamentos municipais para que se faga efectiva en 2017.

O BNG require tamén a revisión daqueles paneis que se encontran deteriorados e a garantía de que as empresas construtoras cumpran co previsto na ordenanza e poñan a disposición espazos destinados a este fin no peche das obras.

En Santiago de Compostela están instalados diversos paneis para a comunicación social que poden ser usados por asociacións, partidos, sindicatos, comisións de festas e industrias culturais, entre outros, para daren a coñecer convocatorias das actividades que desenvolven.

Porén, dende a súa colocación, moitos destes soportes foron retirados e outros que se atopan moi deteriorados precisan dunha revisión para cumpriren a súa función de favorecer a difusión de información e contribuír á liberdade de expresión.

En xaneiro de 2015, o Valedor do Pobo realizoulle unha suxestión ao Concello de Santiago en relación coa habilitación de espazos para a comunicación social nos valados das obras.

 

A normativa estabelece que estes paneis deben situarse, ademais de nos peches das obras, en soportes instalados polo Concello en emprazamentos visíbeis e transitados, para garantir a súa función. Tamén o regulamento municipal de participación cidadá recoñece a finalidade destes taboleiros. Así mesmo, o seu tamaño debe ser o suficientemente amplo para a demanda existente nunha cidade coas características de Santiago de Compostela.

 

No caso das obras, na actualidade segue sen dispor deste espazo previsto na ordenanza  de publicidade estática, nin tan sequera nos valados de obras realizadas pola entidade municipal nin por outras administracións públicas.