ELECCIÓNS

Néstor Rego trasladará ao Congreso medidas para controlar o prezo da vivenda de alugueiro

Campaña vivenda
Campaña vivenda
O candidato do BNG participou na campaña de vivenda de Galiza Nova “Eu aínda vivo aquí” cun reparto informativo por Santiago de Compostela
Néstor Rego trasladará ao Congreso medidas para controlar o prezo da vivenda de alugueiro

A oferta de pisos para uso turístico xa é o triplo da vivenda en alugueiro para vivir todo o ano en Santiago de Compostela, advertiu Navia Rivas

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019.- O candidato do BNG ao Congreso Néstor Rego participou, xunto con Goretti Sanmartín e Navia Rivas, na presentación da campaña de vivenda impulsada por Galiza Nova “Eu aínda vivo aquí”, acompañados por militantes desta organización xuvenil nacionalista.

Néstor Rego parabenizou Galiza Nova por esta iniciativa que pon o foco “nun problema social grave que vive a mocidade, o estudantado, persoas traballadoras e de máis idade”. “Hai que pór remedio e solución xa antes de que sexa difícil recuperar o dereito á vivenda cando hai un proceso acelerado de conversión de vivendas e de locais en pisos turísticos, nun proceso de xentrificación que imposibilita o acceso da mocidade a pisos en aluguer e despraza da Cidade histórica persoas que viviron aquí toda a vida porque non houbo un proceso de control”, advertiu o candidato.

En concreto, o BNG no Congreso vai levar propostas sobre vivenda porque entende que as medidas recollidas no decreto de alugueres do Goberno español “non están a solucionar o problema porque non inclúen medidas de control efectivo dos pisos turísticos”. Así, defende unha modificación da Lei de Arrendamentos Urbanos para que as administracións públicas “poidan intervir no mercado da vivenda en aluguer para controlar os prezos”. Puxo como exemplo o que aconteceu en Portugal coa fixación de prezos máximos en función de módulos de carácter social.

O BNG demandará tamén no Congreso que se activen medidas para traspasar os fondos inmobiliarios do SAREB ás administracións públicas, para crear unha bolsa de vivenda pública e social en aluguer, explicou. Ademais, reclamará “un control efectivo con límites da transformación de pisos en vivendas turísticas, con especial atención a colectivos vulnerábeis”.

A concelleira Navia Rivas explicou que esta campaña de Galiza Nova parte dunha “situación desoladora” en relación ao acceso á vivenda por parte, sobre todo, da xente moza, “onde nos últimos anos os prezos do alugueiro subiron un 16% e cada vez hai menos vivendas dispoñíbeis mentres que a oferta turística sobe de xeito alarmante, sobre todos aqueles que están en situación irregular”.

“Isto provoca que a xente moza teña que ir á periferia de Santiago ou mesmo a outros concellos limítrofes en busca duns prezos máis asequibles e dunhas condicións de habitabilidade algo mellores”, sinalou. Esta situación agrávase polo modelo de turismo de Compostela que acaba por baleirar a cidade e convertela “nun mero escaparate para a persoa visitante, onde a vida e a propia identidade que tiña Santiago de Compostela se perde”, engadiu.

“A oferta de pisos para uso turístico xa é o triplo da vivenda en alugueiro para vivir todo o ano en Santiago de Compostela”, advertiu Navia Rivas. Por iso esta campaña pretende “causar impacto e sensibilizar a veciñanza da situación”, nomeadamente estudantes e traballadoras, e reclamar que se tomen medidas efectivas por parte das administracións públicas.

Os actos programados nesta campaña, segundo avanzou, consisten en repartos de voandeiras, na colocación de carteis e de bandeiras nos balcóns e ventanas co lema “Aínda vivo aquí” para chamar a atención sobre a preocupación que a veciñanza de Santiago ten en relación ao tema da vivenda. Tamén haberá unha mesa redonda o xoves 24 de outubro ás 19:00 h. onde participará xente experta na materia e representantes de colectivos e de asociacións veciñais que sofren esta problemática. Ademais, recolleranse medidas que se poidan implementar desde o Concello para o grupo municipal do BNG presentalas no vindeiro Pleno.