No 160 aniversario do Banquete de Conxo, o BNG reivindica que se arranxe este espazo

No 160 aniversario do Banquete de Conxo, o BNG reivindica que se arranxe este espazo

Esta iniciativa aprobouse por unanimidade no Pleno e Compostela Aberta non a inclúe nas contas municipais para 2016

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, reivindicou o acondicionamento do espazo onde se celebrou en 1856 o chamado Banquete de Conxo que, baixo a lenda “Orde e Fraternidade”, reuniu un cento de estudantes e artesáns para conmemorar o décimo aniversario dos Mártires de Carral, un fito na revitalización política e cultural da Galiza. “A carballeira onde se organizou ese acto está nunhas condicións lamentábeis polo desleixo durante moito tempo e agora agravado polas obras do colector do Sar”, engadiu.

Para o BNG, cómpre proceder á recuperación da carballeira e á reposición do belvedere, unha construción posterior ao xantar, ademais do acondicionamento da contorna e á sinalización para dar a coñecer este emblemático lugar “onde se celebrou un acto tan importante para historia do noso país en que participaron persoeiros como Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e mesmo pode que Rosalía de Castro”.

Segundo explicou Rubén Cela, o requirimento para arranxar este espazo levouse a Pleno en 5 ocasións. Por tres veces que o levou o BNG aprobouse por unanimidade, porén na proposta de Orzamento municipal de Compostela Aberta para 2016 non aparece recollida esta actuación.

Por este motivo, o BNG incluíu esta iniciativa no paquete de medidas da negociación das contas municipais e “hoxe queremos aproveitar este 60 aniversario do Banquete de Conxo para reivindicar e para esixirlle ao Goberno municipal que cumpra os acordos plenarios”, afirmou Rubén Cela.

No 160 aniversario do Banquete de Conxo, o BNG reivindica que se arranxe este espazo