COMEDORES

Rubén Cela: “Nos comedores escolares debe primar máis a calidade do produto e do servizo que o prezo de adxudicación do contrato”

O BNG propón crear un comité avaliador externo e introducir nos pregos diversas melloras “para evitar erros do pasado”

Rubén Cela: “Nos comedores escolares debe primar máis a calidade do produto e do servizo que o prezo de adxudicación do contrato”

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, instou en rolda de prensa a que o Goberno de Compostela Aberta inclúa diversas propostas para mellorar o proceso de contratación dos comedores escolares do vindeiro curso “para primar máis a calidade do produto e do servizo que o prezo de adxudicación”, á parte de requirir que se axilice o proceso para cumprir os prazos e que non exista demora.

Para o BNG, ademais das propostas da Federación de Asociacións de Pais e Nais (FANPA) presentadas ao abeiro da enquisa sobre comedores escolares, o novo prego de contratación debe ter en conta que é “un servizo sensíbel ao tratarse de alimentación e coidado de nenos e nenas e que se debe aprender dos erros cometidos nos anteriores procesos de contratación”. Así, coincide coa FANPA en que se debe realizar a solicitude formal de asunción das competencias en comedores por parte da Xunta de Galiza, que o BNG xa reclamou en diversas ocasións, e tamén en que se elabore un primeiro borrador dos pregos de contratación coa participación de axentes relacionados como a propia FANPA, dirección dos centros, grupos políticos, traballadores e empresas do sector.

Nos comedores escolares debe primar máis a calidade do produto e do servizo que o prezo de adxudicación, segundo defende Rubén Cela, cun prezo mínimo que evite baixas temerarias na presentación de ofertas, xa que a Lei de Contratos do Sector Público permite que se cree un comité avaliador externo para que os criterios obxectivos poidan ter un peso inferior ao 50%

Ademais, require que no prezo final se teña en conta a mellora da calidade da alimentación con produtos frescos, de proximidade e ecolóxicos -pois é un dos puntos de peor valoración na enquisa da FANPA-; a proximidade dos centros de produción no caso de que non se cociñe nos propios centros; a separación do servizo de catering e servizo de atención de monitores; a renda familiar no prezo final a pagar; “así como estudar a posibilidade de sacar o concurso por lotes que facilite a participación de pequenas empresas de Compostela que, doutro xeito, quedarían excluídas pola elevada fianza ou solvencia requirida en grandes concursos de adxudicación”.

Para o BNG tamén é necesario introducir cambios no “Plan Madruga”, o servizo que se presta para deixar as crianzas dende as 7:30 h. até que comezan as aulas, para que poidan contratalo as familias que só precisan deixalos 15 minutos e sen almorzo para chegaren a tempo ao posto de traballo; pois agora deben aboar o servizo completo.

Cómpre tamén revisar as deficiencias nas instalacións dos comedores escolares e tender a unha homoxeneización do servizo do comedores porque, neste momento, hai 5 modalidades de xestión diferentes.