OBRAS

Unha nova falta de previsión contra os asolagamentos en Santiago provoca problemas de seguridade viaria, advirte Rubén Cela

Rotonda das Cancelas
Rotonda das Cancelas

O BNG reclamara hai 12 días a limpeza de sumidoiros, estradas e cunetas cubertos de follas

Unha nova falta de previsión contra os asolagamentos en Santiago provoca problemas de seguridade viaria, advirte Rubén Cela

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, advírtelle ao Goberno de Compostela Aberta que as estradas e camiños de Santiago de Compostela se converteron nunha poza logo do primeiro chuvasco de outono por falta de retirada de folla e limpeza de cunetas, como reclamou hai 12 días para evitar, precisamente, estes asolagamentos.

O BNG recibiu queixas de distintos puntos da cidade das balsas de auga acumuladas nas estradas que, ademais de supor un problema de seguridade viaria, salpican as persoas que van pola beirarrúa. Así, Rubén Cela advertiu que, “máis alá dun problema estrutural sen resolver na drenaxe da auga pluvial, podían verse agravados polo taponamento da rede de sumidoiros”.

No caso das rotondas, como a das Cancelas a auga amoréase na contorna da glorieta e en boa parte da rúa que vai a San Caetano ou a de acceso ao hospital provincial pola parte de Vidán, que supoñen un verdadeiro perigo para a condución e para as persoas que transitan pola zona.

Hai 12 días Rubén Cela destacara publicamente que non se vían avances do “Plan de actuación contra os asolagamentos” que presentou o concelleiro Xan Duro o 17 de novembro de 2015 sobre un estudo que realizara Viaqua que detectaba 19 puntos negros de risco de inundacións. Dese plan só se actuou de xeito parcial en Pelamios, no Olvido e no Franco. Ademais, anunciaron recentemente actuacións en Entrerríos e Fray Rosendo Salvado “que nós consideramos absolutamente insuficientes”.

Para o BNG, esta non é unha actuación sobrevida, pois é propia do outono a caída de folla das árbores e non existe previsión para manter en boas condicións a rede de sumidoiros por parte do Goberno local de Compostela Aberta.

Así, demandou celeridade na recollida da folla especialmente en zonas da cidade con árbores de folla caduca como poden ser as Fontiñas, campus sur, Pelamios, Xoán XXIII ou Vite; aceleración da redacción e licitación dos proxectos das obras máis urxentes e unha revisión do plan porque ademais dos 19 puntos hai outras zonas que reiteradamente quedan asolagadas e non están incluídas nese plan. Isto ten solución relativamente barata e supoñen unha gran mellora na seguridade viaria tanto de peóns como de vehículos. “Un Goberno que deixa sen executar, como o ano pasado, case o 80% do diñeiro que tiña para obras e investimentos aquí ten un bo sitio para actuar”, indicou Rubén Cela.