ELECCIÓNS

O futuro da Sala Iago

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín. Portavoz municipal e candidata do BNG á Alcaldía

O futuro da Sala Iago

A pouco que miremos atrás, podemos aínda pasear na memoria por unha Rúa do Vilar que era a verdadeira arteria cultural da cidade. Desde as Praterías ou desde o Toural, era fácil atoparse con estabelecementos extraordinarios que falaban dunha cidade histórica, co encanto que prendía en cada escaparate.

 Co tempo, a rúa foi mudando e moitos daqueles espazos sorprendentes deron en tendas de souvenirs con produción ao por maior, que tanto poden estar en Compostela como en Roma ou en Valdepeñas. A rúa que noutrora acollera a imprenta Nós ou o estudo de Carlos Maside asistía ao peche de librarías históricas como a Galí, a González ou a Encontros ou tendas marabillosas como a de Rosa María Maside. Poucos son os estabelecementos tradicionais que sobreviviron á desfeita mais aínda cando camiñamos pola histórica rúa recordamos os últimos libros mercados naquel espazo con chan de madeira ou aquel agasallo que traía o selo dunha fermosa tenda da Rúa do Vilar.

 E nese camiño, continúa ergueito o vestixio do que foi a Sala Iago, presente aínda na memoria da veciñanza que ten xa unha certa idade. Aí está para lembrar que, nesta rúa houbo un cinema e unha sala de teatro que agora está á venda polo que medra aínda máis a incerteza sobre o seu destino.

 O BNG reclamou por múltiples vías unha solución para que a Sala Iago non desapareza da memoria e do patrimonio cultural de compostelás. Sabemos que é un esforzo grande mais non tanto como outros investimentos que se están a facer sen a urxencia deste proxecto, e temos certeza de que suporía recuperar un inmóbel emblemático para afondar na condición de cidade cultural de Compostela. Forma parte do noso modelo, o de darlle vida á cidade histórica, que teña servizos, que se conserve o patrimonio herdado e que se lle poña freo á deriva cara o turismo de "todo a un euro" á que estamos asistindo. Reclamamos, de maneira urxente, que o Concello inicie, a través do Consorcio, unha negociación para a adquisición do edificio para usos culturais, acorde coa súa propia natureza.

 Este mesmo 28 de marzo, a compañía de monicreques de Kukas conmemora coa estrea de "A Arlequina" corenta anos de historia. Toda unha institución nun concello que se ten que atopar coa súa propia identidade, con eses proxectos que fan que Santiago de Compostela sexa un espazo de cultura e creatividade. O conxunto de títeres de Kukas continúa a buscar un lugar para se mostrar como exposición permanente e consideramos que a Sala Iago sería acaída para un proxecto que tivese o teatro de marionetas como protagonista e ofrecese tamén servizos como sala de ensaio de teatro afeccionado. Recuperar a vitalidade do público de Santiago asistindo ás funcións na Rúa do Vilar e dos milleiros de persoas visitantes de todo o mundo atopándose coa nosa cultura é un privilexio que fai que compense o investimento.

 O Concello de Santiago ten que activarse para que a Sala Iago non caia en mans especuladoras que contribúan ao declive da zona histórica. Estamos a tempo de intentalo e paga a pena comprometerse para que Santiago de Compostela non continúe perdendo. Para o BNG, non aproveitar a oportunidade de recuperar a Sala Iago para a cidade sería tamén dunha irresponsabilidade histórica.