PLENO

O BNG reclama a compensación do IBI no centro sociocultural de Aríns e na Casa Agraria, sen aplicar un ano despois de aprobarse en Pleno

O Goberno local comprometérase tamén a presentar unha liña de axudas para os gastos de auga, luz e calefacción

O BNG reclama a compensación do IBI no centro sociocultural de Aríns e na Casa Agraria, sen aplicar un ano despois de aprobarse en Pleno

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama que se aplique o compromiso plenario de marzo de 2016 para eximir ou compensarlles o IBI e os gastos de auga e de electricidade ao centro sociocultural de Aríns e á Casa Agraria, que son propiedade da veciñanza, para evitar o agravio comparativo cos que son de titularidade do Concello.

O Goberno local comprometérase tamén a presentar unha liña de axudas para corresponsabilizarse dos gastos derivados do uso da auga, da luz e da calefacción naqueles casos en que as actividades son organizadas polo Concello de Santiago de Compostela nestes centros veciñais.

Un ano despois de aceptar esta iniciativa en Pleno, o Goberno de Compostela Aberta non aplicou estas medidas para evitar as diferenzas no pagamento de impostos municipais nestes centros socioculturais que ofrecen un servizo público de dinamización cultural e social.