PLENO

O BNG demanda o arranxo básico da cuberta da estación de autobuses para evitar que chova no seu interior

estacion.buses.01
Estación de autobuses

Caldeiros e paneis de advertencia de perigo evidencian a situación de abandono que sofre este espazo público usado a diario por milleiros de persoas

O BNG demanda o arranxo básico da cuberta da estación de autobuses para evitar que chova no seu interior

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama o arranxo básico e urxente da cuberta da estación de autobuses de Santiago de Compostela, para ofrecer un servizo en boas condicións mentres non se proceda ao seu traslado, pois son milleiros as persoas usuarias que advirten da presenza de caldeiros e de sinais de perigo pola auga que entra cada vez que chove. Ademais, os monitores informativos que colocaron recentemente amosan a pantalla en branco e permanecen sen supervisión durante días.

Deste xeito, o BNG trasladará ao Pleno as queixas de persoas usuarias da estación de autobuses co fin de que se amañe a cuberta xa que despois de chover o chan queda con humidade constante no interior destas instalacións públicas.

Cómpre lembrar que a estación de autobuses de Santiago de Compostela, ademais de dar servizo a milleiros de persoas que se desprazan a diario por motivos de traballo e de estudos á nosa cidade ou a outras vilas e cidades galegas, é porta de entrada e de saída para visitantes de fóra de Galiza que se atopan cunhas instalacións que carecen de conservación básica e evidencian a situación de abandono e de falta de decoro que sofre este espazo público.

O BNG demanda o arranxo básico da cuberta da estación de autobuses para evitar que chova no seu interior