O PP desprestixia a herdanza recibida cando quere facer propios proxectos do anterior goberno

O PP desprestixia a herdanza recibida cando quere facer propios proxectos do anterior goberno

castelo.rochaAs obras do Castelo da Rocha, do catalizador cultural de Belvis e da remodelación da praza de abastos foron impulsadas por concellarías do BNG

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do BNG cuestiona que mentres o PP se afana en desprestixiar, de xeito reiterado, a herdanza recibida do anterior mandato, aproveita proxectos que había en marcha para facer visitas ás obras como se fosen novos.

Proxectos como o Castelo da Rocha, a remodelación da praza de abastos ou o catalizador cultural de Belvís, entre outros, foron impulsados polas concellarías do BNG no anterior mandato municipal, grazas á consecución de fondos autonómicos, estatais e europeos.

Segundo explicou a concelleira Elvira Cienfuegos, estes proxectos obedecen a un modelo de cidade onde se primaba a recuperación de bens patrimoniais abandonados ou infrautilizados coa pretensión de lles dar un uso adaptado ás necesidades actuais e dirixido a facer valer a identidade propia diferenciada de Santiago de Compostela e de Galiza, mediante a difusión da súa historia socioeconómica.

En concreto, explicou que o BNG conseguiu que se aceptase unha emenda por 1 millón de euros nos Orzamentos do Estado para desenvolver o proxecto de recuperación da Rocha Forte, que foi impulsado pola Concellaría de Cidade Histórica e Rehabilitación dirixida pola formación nacionalista antes de que o PP accedese á Alcaldía de Santiago.

Con respecto ás obras do Urbana Santiago Norte como a escola infantil de Salgueiriños, o catalizador cultural de Belvís, o corredor verde de conexión dos parques da Almáciga e de Bonaval e mais os centros cívicos do Romaño e das Cancelas, o BNG xa presentara en marzo de 2012 unha pregunta para coñecer os motivos da paralización destes proxectos, toda vez que se conseguira o 70% do orzamento a través do FEDER e se incluíra no Programa Operativo Local 2007-2013.

Agora retomáronse estas obras e o PP fai promoción destes proxectos como se fosen propios cando o fundamental, que é a consecución dos fondos para pór en marcha estas ideas de xermolo nacionalista, xa estaba realizado, concluíu a concelleira.

O PP desprestixia a herdanza recibida cando quere facer propios proxectos do anterior goberno