O PP lexisla en contra da reposición de efectivos e substitúe persoal funcionario por afíns

O PP lexisla en contra da reposición de efectivos e substitúe persoal funcionario por afíns

“Estas sentenzas saen grazas ás organizacións políticas da oposición que denunciamos reiteradamente estas formas do PP e ás centrais sindicais deste Concello que puxeron os temas en sede xudicial”

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2015.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que “resulta incongruente que o PP pola mañá lexisle en contra da reposición de efectivos e pola tarde substitúa persoal funcionario por asesores ou empregados afíns ao seu partido”.

Así, realizou unha avaliación da anulación xudicial do nomeamento en comisión de servizos da xefa de licenzas e disciplina urbanística e da decisión do PP de presentar un recurso. Para o BNG, dixo, é evidente que “isto non é puntual, hai que inscribilo nun xeito global de facer política que comezou coa entrada de Conde Roa e continúa vixente con Agustín Hernández á fronte do Concello de Santiago”, que cualificou como “carente de rigor, cun nulo respecto á normativa vixente e ás leis, mesmo ás impostas polo PP e onde sempre priman os intereses de partido sobre o interese público e xeral”.

O interese xeral é inxustificábel

O recurso do PP só se pode entender “como unha estratexia para gañar tempo”, a mesma que seguiu para non executar a sentenza da eliminación das novas prazas de interventor e secretario como esixía a Xustiza, mais co “agravante” de que desta volta queren xustificalo “en defensa do interese xeral”. “Dende o BNG preguntámonos onde está ese interese xeral cando se trata dunha praza que se deixou vacante a pesar de que se presentaron dúas funcionarias municipais que posteriormente se cubriu cunha comisión de servizos sen convocatoria pública, sen que se respectasen os principios de igualdade, mérito e capacidade, mais sobre todo cando supuxo un incremento de custo entorno a 62.000 euros”, sinalou, que hai que sumar aos 450.000 euros de sobrecusto das prazas de interventor e de secretario que xa denunciou o BNG, mais os gastos de defensa xudicial e ás “previsíbeis indemnizacións” que haxa que pagarlle a estas persoas. “Todo iso non o vai pagar o PP, que foi quen o provocou, vano pagar a escote todos os veciños e veciñas de Santiago de Compostela”, indicou. “Non se pode dicir que iso sexa velar polo interese xeral e público da maioría da poboación da cidade”, engadiu.

Ademais, Rubén Cela lembrou que isto se resolveu “grazas ás organizacións políticas da oposición que levamos reiteradamente denunciando esta forma de facer política e ás centrais sindicais deste Concello que puxeron este tema en sede xudicial”.

Reclamou tamén que o PP sexa “coherente” coas sentenzas xudiciais e coa xurisprudencia existente, sobre todo, cando xa existía unha sentenza firme contra o cadro de persoal e un informe negativo da xefa de servizo de Persoal sobre a cobertura desta praza e “coherente tamén coa propia lei aprobada polo PP, que foi quen acordou estabelecer que a taxa de reposición de efectivos impida os casos de incrementos de persoal agás contadas excepcións”.

“Dende o BNG non compartimos que as administracións con recursos e capacidade para crear emprego non o poidan facer por lei e estamos radicalmente en contra diso” e ademais aludiu a que “o PP desmonta servizos públicos esenciais por non cubrir as vacantes que se producen e os entregan a empresas privadas para os converter en fonte de negocio”.

O PP lexisla en contra da reposición de efectivos e substitúe persoal funcionario por afíns