A proposta do BNG facilita o acordo de todos os grupos para a organización municipal

A proposta do BNG facilita o acordo de todos os grupos para a organización municipal

Rubén Cela afirma que “era posíbel chegar a acordo, con aforro para as arcas municipais, e aprobalo en Pleno”

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2015.- A proposta presentada polo grupo municipal do BNG de Santiago consegue, con pequenas modificacións, o consenso na Xunta de Portavoces solicitada pola formación nacionalista en aras de resolver a situación producida ante a falta de acordo anterior. Ademais, o portavoz Rubén Cela amósase satisfeito de que “todos os puntos desta proposta conxunta se vaian aprobar no Pleno da Corporación e non na Xunta de Goberno, para comezar a traballar neste mandato cos recursos necesarios tanto no goberno como na oposición”. “Isto demostra que era posíbel chegar a acordo bo para os grupos e para a cidade, con aforro para as arcas municipais, e que era posíbel aprobalo en Pleno, como defendeu o BNG”, afirmou.

Esta proposta que o BNG trasladou permitiu facilitar o entendemento e a busca de consenso, ademais de pretender garantir a capacidade de traballo de todos os grupos municipais, ao que se engade un aforro importante para as arcas que poderá ser dirixido a outras actuacións para a cidade.

Para o BNG é “unha boa noticia que estas cuestións organizativas se aproben en Pleno e non en Xunta de Goberno”, tanto no relativo ás dedicacións exclusivas, como ao persoal eventual, direccións de área, presidencia das comisións informativas ou a representación do Concello en organismos supramunicipais, organismos autónomos e similares.

A proposta realizada polo BNG constituíu “un punto de encontro” entre todas as posicións mantidas nas anteriores xuntas de portavoces e contribuíu a resolver esta situación.

Con este xesto, o grupo municipal do BNG pretendeu seguir a manter “unha actitude construtiva e favorecedora non só do diálogo, senón do achegamento real de posicións de cara a que Santiago recupere a normalidade institucional o antes posíbel”, explicou Rubén Cela.

A proposta do BNG facilita o acordo de todos os grupos para a organización municipal