PLENO

Resumo das iniciativas do BNG no Pleno de febreiro de 2019

O BNG traslada ao Pleno a creación dun mapa de escolas infantís, para incrementar as prazas públicas con atención ás previsións urbanísticas e demográficas de cada zona

Resumo das iniciativas do BNG no Pleno de febreiro de 2019

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019.- O grupo municipal BNG de Santiago trasladou aoPleno unha proposición para incrementar a dotación de prazas de escolas infantís públicas, que debe servir para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, a programación educativa en galego e a xustiza social, con garantía de acceso ás familias con rendas máis baixas e en situación de especial dificultade. Na iniciativa propuxo a creación dun mapa de escolas infantís, con atención ás previsións urbanísticas e demográficas de cada zona, ademais de demandarlle á Xunta que incremente a oferta de prazas públicas, de acordo a unha emenda introducida por CA. Foi aprobada cos votos a favor de BNG, CA e PSOE; o PP abstívose.

Mediante unha moción, o BNG reclamou que o Concello de Santiago de Compostela realice as xestións necesarias co Goberno do Estado español para a cesión de usos da Casa da Parra como espazo expositivo. En marzo de 2017, a Xunta deixou o alugueiro das salas destinadas a usos administrativos e en novembro dese ano declinou tamén as de carácter cultural, posto que non chegara a acordo co Goberno do Estado para continuar o arrendamento. Ante o progresiva perda de espazos culturais e abandono de edificios emblemáticos no corazón da Cidade Histórica resulta necesario retomar as negociacións para recuperar a súa actividade para a difusión artística. Aprobouse cos votos de BNG, CA e PSOE; o PP abstívose.

Outra das iniciativas foi para que o Concello de Santiago proceda á limpeza de lixo, silveiras e ramallos dunha vivenda situada na confluencia das rúas Divina Pastora e Lamas de Abade, así como no interior do recinto do CEIP Lamas de Abade. Ademais, defendeu que se chegue a acordo ou expropie, de ser necesario, esa vivenda co fin de proceder ao seu derrubo e á reurbanización da zona co fin de realizar unha mellora de seguranza viaria, de humanización e da paisaxe. Aprobouse por unanimidade.

Trasladou tamén un rogo para que o Concello de Santiago de Compostela instale marquesiñas nas paradas de autobús na contorna do paso de peóns do Centro Superior de Hostelaría, na Barcia, co fin de que co fin de que as persoas usuarias poidan gorecerse das inclemencias meteorolóxicas, ademais de protexerse na beiravía cando os vehículos pasan a moita velocidade. Por esta estrada AC-543 Santiago-Noia, de titularidade da Xunta, circulan milleiros de vehículos a diario e ten un punto de falta de visibilidade diante do paso de peóns do Centro Superior de Hostalaría.

Outro dos rogos foi destinado á organización e difusión dunha Ruta Rosaliana, con paneis identificadores dos emprazamentos vinculados á súa traxectoria vital e literaria en Santiago de Compostela.