PARLAMENTO

Reunión co deputado parlamentar Xosé Luís Rivas "Mini"

O BNG inicia os contactos para trasladar as reivindicacións de Santiago ao Parlamento nesta nova lexislatura
 

Reunión co deputado parlamentar Xosé Luís Rivas "Mini"

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2016.- O deputado Xosé Luís Rivas “Mini”, que será o encargado de trasladar as iniciativas do BNG da comarca de Compostela ao Parlamento, comezou a rolda de contactos no Concello de Santiago, onde o portavoz municipal nacionalista Rubén Cela explicou os primeiros temas que levará á Cámara galega relativos a demandar a construción da nova estación depuradora de augas residuais e a cuarta sala do Social nos Xulgados.

Para Xosé Luís Rivas, esta nova lexislatura de Feijóo evidencia “un Goberno continuísta e sen proxecto de país, ten un proxecto deslabazado e de protección do seu”. “No BNG entendemos a política como un traballo conxunto de coordinación, non se trata de conseguir obras asépticas senón de mellorar a situación da xente afectada ou beneficiada polas actuacións que hai que facer, esa é a nosa maneira”, explicou o deputado parlamentar.

Sala de prensa“Evidentemente, a falta de depuración de augas é un problema que está en Santiago e, desgraciadamente, en todo o noso territorio porque non se trata en serio e vai pasarlles factura ás xeracións futuras”, engadiu. Do mesmo xeito que a necesidade do novo Xulgado do Social, porque hai milleiros de persoas que agardan a resolución dos seus casos pendentes en materia laboral neste tempo de crise, “que viven problemas moi candentes e moi duros, a nivel local e nacional”.

Deste xeito, Rubén Cela lembrou o traballo de Ana Pontón na última década “con numerosas iniciativas, tanto de control como propositivas, de xeito directo ou indirecto que afectaban a Santiago e á comarca”. “É un orgullo que agora sexa Mini quen vaia representar os intereses de Santiago no Parlamento galego”, afirmou.

Así, fixo un repaso por reivindicacións “que se poden catalogar de históricas”, dixo, e relatou “a serie de compromisos adquiridos e ratificados pola Xunta de Galiza pero que sistematicamente incumpren”. Referiuse ao centro de saúde de Conxo, ás ampliacións da Escola Oficial de Idiomas e do Conservatorio de Música, aos aparcadoiros disuasorios, á entrada en funcionamento do CEGADI, á variante de Aradas; a estación intermodal, ao parque comarcal de bombeiros, á restruturación sanitaria co hospital Gil Casares e á reordenación das prazas de aparcadoiro público no CHUS. Fixo referencia tamén á necesidade de vivenda de protección pública, prazas asistenciais para persoas de terceira idade, escolas infantís, coordinación aeroportuaria, á revisión da contía económica do Estatuto de Capitalidade de Santiago de Compostela e á asunción directa das competencias dos comedores escolares e das actividades extraescolares.

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, lembrou asuntos pendentes que lle afectan a ese concello como o parque comarcal de bombeiros, o centro de día, o saneamento, melloras no IES de Cacheiras ou o expediente da ponte de Pontevea como Ben de Interese Cultural, entre outras que trasladará tamén ao Parlamento nesta nova lexislatura.