ESCOLAS INFANTÍS

Rubén Cela advirte da lentitude na tramitación das obras da escola infantil de Santa Susana, que obrigan a desprazar 80 crianzas

Escola infantil Santa Susana
Escola infantil Santa Susana

A Xunta solicita a licenza de obra dous anos despois de pechar este centro

Rubén Cela advirte da lentitude na tramitación das obras da escola infantil de Santa Susana, que obrigan a desprazar 80 crianzas

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advirte da lentitude na tramitación das obras da escola infantil Santa Susana, que leva pechada dous cursos e 80 nenos e nenas tiveron que ser distribuídos noutros centros. O BNG dubida de que, por mor dos prazos, para o vindeiro curso escolar tampouco poida estar aberta, pese á carencia de prazas existente en Santiago de Compostela.

A solicitude de licenza de obras, promovidas pola Consellaría de Política Social, entrou no servizo de Urbanismo con data 14/11/2017, dous anos despois do peche do centro escolar. Trátase dun espazo de especial valor, “mais iso xa o sabían ao inicio na Xunta cando anunciaron que o peche afectaría só ao curso 2016-2017”, explicou Rubén Cela.

A documentación presentada para o “Proxecto básico e de execución de obras de reforma da escola infantil de Santa Susana en Santiago de Compostela” ten un orzamento de execución de 824.104 euros.

A escola infantil de Santa Susana está nun edificio modernista proxectado polo arquitecto Antonio Palacios nos anos 1908-1909 e está catalogado co nivel 2 polas súas características singulares de valor histórico e cultural. As súas pilastras, miradoiros, esculturas, relevos e decoración modernista son algúns dos elementos catalogados deste equipamento con dotación de carácter público e iso previsto sociocultural, asistencial ou docente.

A actuación prevista é de rehabilitación e comprende ademais unha adecuación arquitectónica de fachada e elementos exteriores co obxectivo de mellorar as condicións de ornato, seguridade e funcionalidade da edificación. Deste xeito, a rehabilitación inclúe unha modificación da distribución interior, con aulas en todas as plantas e un novo itinerario accesíbel pola fachada lateral que permite chegar ao ascensor que comunica todos os andares entre si. Na actualidade, ten sete aulas distribuídas en tres andares e o feito de carecer de ascensor impide que se cumpra a normativa de accesibilidade. Proxéctase tamén unha nova cuberta de zinc para recuperar o material orixinal.