DEPORTES

Rubén Cela advirte de que as irregularidades nas instalacións deportivas do Multiusos do Sar representan problemas de seguranza

As pistas de pádel levan case dous anos sen contrato e urxe o cambio da cuberta da piscina para incrementar a eficiencia enerxética

Rubén Cela advirte de que as irregularidades nas instalacións deportivas do Multiusos do Sar representan problemas de seguranza

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2018.- O concelleiro Rubén Cela advertiu da permanencia de irregularidades nas instalacións públicas das instalacións deportivas do Multiusos Fontes do Sar, en concreto das pistas de pádel que levan sen contrato desde outubro de 2016 e da necesidade de mudar o globo que cobre a piscina por razóns de seguranza e de eficiencia enerxética.

As pistas de pádel levan case dous anos sen contrato “prestando un servizo público de xeito absolutamente irregular e fraudulento”, explicou en rolda de prensa. “No grupo municipal do BNG advertimos desta situación moitas veces e estabeleceuse a comezos de ano un ultimátum para maio, cando non se cumpriu a previsión e foi o que motivou que os representantes do BNG se desen de baixa do Consello de Administración de XADE”, sinalou Rubén Cela. “Iso representa o desleixo absoluto, até que un día aconteza algún incidente”, engadiu.

Sobre o globo presostático que cobre a piscina municipal durante o inverno, destacou que é unha das reclamacións reiteradas do BNG que o Goberno local desoe, pois a comezos de verán fixo unha proposta para que se iniciasen os traballos de licitación en verán para ter lista no novo curso unha cuberta retráctil nova e de maior eficiencia enerxética. Lembrou tamén que foi unha das medidas do BNG para a negociación dos Orzamentos de 2016 que non se cumpriu, pese á demanda social.

Referiuse así á falta de seguranza do actual globo, que data de 1996 cun desgaste engadido causado pola retirada e colocación en cada campaña de verán. En 2007 a propia empresa elaborara un informe que recolle que a vida útil da cuberta estaba chegando ao seu fin. A iso hai que engadir que en decembro de 2017 un vendaval provocou que rachase o globo e ao perder aire caeu, coa sorte de que foi un domingo e non houbo persoas feridas. Ademais, a vella lámina de 3 milímetros que separa a temperatura exterior da interior provoca un gasto enerxético elevado moi superior ao das novas instalacións que contan con membranas de materiais máis eficientes e que supoñen un aforro de entre o 25 e o 30% do gasto de consumo de gas, ao tempo que reducen a contaminación á atmosfera. Con esa mudanza da cuberta, nun prazo de 10 anos amortizaríase boa parte do investimento ao reducir o consumo enerxético.

A Consellaría de Sanidade advertiu tamén de que non se alcanza da temperatura mínima esixida no inverno. Tamén presenta problemas de hixiene, tendo en conta que a sucidade e humidade acumuladas durante anos, ademais do aspecto pouco estético debido ás manchas que ocupan a superficie.