PLENO

Rubén Cela: “A afloración de remanentes tan altos é consecuencia dun moi baixo nivel de execución de Compostela Aberta”

O BNG advirte que de non realizar as propostas aprobadas na negociación dos Orzamentos 2017 non brindará o seu apoio aos seguintes

Rubén Cela: “A afloración de remanentes tan altos é consecuencia dun moi baixo nivel de execución de Compostela Aberta”

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2017.- O portavoz do grupo nacionalista no pazo de Raxoi, Rubén Cela, advertiu no Pleno extraordinario que están pendentes de executar os acordos da negociación co BNG para aprobar os Orzamentos de 2017 e, de non incluír algunha destas propostas, non brindará o seu apoio para os seguintes.

Este expediente de aprobación de suplementos de crédito por importe 5.498.361,23 e de 2.046.350,89 €, financiado co remanente líquido de tesourería para gastos xerais do Concello do exercicio 2016, “deixa ás claras un dos principais problemas que ten o Goberno de Compostela Aberta, a afloración de remanentes tan altos é a consecuencia dun moi baixo nivel de execución”.

Formalmente, tal como apunta o informe de Intervención e atendendo á literalidade da normativa actual, habería que dedicar estes remanentes á minoración da débeda, “polo que este expediente non está ben feito”, sinalou.

 

Este expediente evidencia tamén que a política en materia de xestión financeira de Compostela Aberta é moi similar á desenvolvida polo PP “endebedarse de máis para posteriormente amortizar débeda”.

 

“O BNG non cuestiona a necesidade das obras e actuacións propostas, pero existen actuacións máis urxentes e necesarias ca estas”, engadiu Rubén Cela.