Rubén Cela: “O BNG lamenta que o proceso de contratación do servizo de comedores remate deste xeito”

Rubén Cela: “O BNG lamenta que o proceso de contratación do servizo de comedores remate deste xeito”

Na adxudicación non se tivo en conta a valoración técnica, tan só a oferta económica, o que vai en detrimento da calidade que se poida ofrecer

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou logo da mesa de contratación dos comedores escolares que vén de propor como adxudicataria deste servizo a Serunión, a mesma empresa que o prestaba con anterioridade e á que se lle prorrogou dende o inicio do curso escolar.

Deste xeito, o BNG cuestiona que o Goberno local convidase tres empresas neste procedemento de urxencia, logo dos fallidos intentos dos procesos anteriores, e que “casualmente” unha delas volvese ser Serunión, pese a que declinara prestar o servizo con anterioridade aducindo “exceso de carga de traballo”. Ademais, afirmou que o Goberno local “era coñecedor da desconformidade por parte das ANPAs coa xestión realizada por esta empresa”. Pola contra, indicou que unha vez que corrixen o prezo de licitación á alza, non convidaron outras empresas que alegaran interese en ofrecer o servizo pero declinaran porque a contía económica inicial non era suficiente. Así, quixo deixar de manifesto que a mesa de contratación non foi quen convidou as empresas a participar neste procedemento de urxencia negociado sen publicidade, xa que a escolla foi en exclusiva do Goberno local de Compostela Aberta.

Ademais, o equipo de Compostela Aberta non publicou esta oferta no Perfil do Contratante, cando hai un acordo plenario aprobado por unanimidade a raíz dunha iniciativa do BNG para incluír os procedementos negociados sen publicidade no Portal da Transparencia co obxectivo de incrementar a concorrencia na contratación.

Rubén Cela alegou tamén que no prego de contratación para a adxudicación do servizo non se tivese en conta a valoración técnica, tan só a oferta económica, o que vai en detrimento da calidade que se poida ofrecer.

Ao final, adxudicouse tal e como advertira o BNG “como unha subhasta sen ter en conta as características do servizo ofertado”. “Ao final, 5 meses despois do inicio do curso escolar continuará a mesma empresa pero cobrando máis”, indicou.

Ademais, Rubén Cela emprazou o alcalde Martiño Noriega a solicitar unha reunión co conselleiro de Educación, para explorar as posibilidades de que a Xunta asuma a xestión dos comedores escolares como, por competencias entende o BNG que lle corresponde.

Rubén Cela: “O BNG lamenta que o proceso de contratación do servizo de comedores remate deste xeito”