BALANCE

Rubén Cela: “O BNG vai seguir con azos redobrados nesta recta final de mandato”

Seguirá a ter a man tendida ao resto de grupos, tanto do Goberno como da oposición, co fin de chegar a grandes acordos sobre as cuestións que son estratéxicas e urxentes para Santiago e a súa veciñanza

 

 

Rubén Cela: “O BNG vai seguir con azos redobrados nesta recta final de mandato”

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, manifestou que “no BNG non acreditamos no relato idílico e na valoración sen ningún ápice de autocrítica que fai Compostela Aberta dos seus dous anos de Goberno, mais tampouco partillamos a visión catastrofista, cuasi-apocalíptica do Partido Popular para o que todo o que se fixo estes dous anos está mal; no BNG cremos que non é certo nin o un nin o outro”.

Para Rubén Cela, “hai actuacións puntuais deste Goberno que foron correctas e que contaron co apoio do BNG e outras que non”. “En teoría, a nivel programático o BNG comparte moitas das propostas de CA, aínda que na súa execución práctica, por desgraza, menos”, engadiu.

Aínda que dous anos en materia de contrastar un proxecto político no ámbito municipal é pouco tempo, o certo é que permitiron visualizar varias cousas: “a falta de experiencia, a dificultade para atender a xestión ordinaria e dar resposta aos asuntos cotiáns do día a día no Concello, a ausencia dun modelo de cidade, demasiada distancia entre o que din e o que fan, moito relato e propaganda, menos feitos e realidades e, finalmente, ausencia total de autocrítica, algo imprescindíbel para corrixir erros e mellorar”.

Deste xeito, Rubén Cela avanzou que “o BNG vai seguir con azos redobrados nesta recta final de mandato: facendo unha oposición seria e rigorosa que fiscalice a acción de Goberno denunciando todas aquelas cousas que non se fan ben ou non se fan, ao tempo que seguirá a presentar propostas en positivo, para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Santiago e seguirá a ter a man tendida ao resto de grupos, tanto do Goberno como da oposición, co fin de chegar a grandes acordos sobre as cuestións que son estratéxicas e urxentes para Santiago e a súa veciñanza".

Rubén Cela: “O BNG vai seguir con azos redobrados nesta recta final de mandato”