NACIONALISMO

Rubén Cela: “Coa homenaxe aos Mártires de Carral e á Revolución Galega de 1846 queremos recuperar a memoria colectiva como pobo”

Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei
Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei

Aquel levantamento foi froito de anos de traballo de conciencia das clases populares de Galiza de que era preciso loitar pola liberdade, dignidade e democracia

Rubén Cela: “Coa homenaxe aos Mártires de Carral e á Revolución Galega de 1846 queremos recuperar a memoria colectiva como pobo”

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018.- O BNG organizou un acto público fronte ao mosteiro de San Martiño Pinario para conmemorar a Revolución Galega de 1846 e os feitos históricos e de reivindicación política que vinculan Santiago de Compostela cos Mártires de Carral. Ademais das intervencións de Rubén Cela e de Goretti Sanmartín Rei, no acto actuaron Os Enxebres de San Lázaro. “Coa homenaxe aos Mártires de Carral e á Revolución Galega de 1846 queremos recuperar a memoria colectiva como pobo”, afirmou  Rubén Cela.

“Con este acto intentamos contribuír a recuperar parte da nosa memoria colectiva como pobo, da nosa historia deturpada ou silenciada, co fin de proxectar no presente a dignidade e o sacrificio de pasadas xeracións que, dun xeito ou doutro, deron a súa vida á nobre causa da liberdade de Galiza e a construción dunha sociedade máis xusta”, sinalou Rubén Cela.

“E de aí vimos nós”, afirmou Goretti Sanmartín, “desde 1846 até hoxe hai un longo camiño de compromiso co país, polo que transitaron as mentes máis lúcidas e os corazóns máis xenerosos que deu a nosa patria”. “A primavera deste país nace en 1846 e renace en cada unha das persoas que loitan por un futuro distinto para esta nación; Galiza só será unha nación en plenitude dos seus dereitos o día que se cumpran os soños de patriotas como Antolín Faraldo, Manuel Murguía ou Rosalía de Castro", engadiu.

Aquel “Abril de lume e ferro” como o inmortalizaría o poeta nacional, Manuel María, foi un fito histórico antecedente do que moitos anos despois sería o nacemento do nacionalismo político organizado, explicou Rubén Cela. Serían xusto dez anos despois, cando se celebraría outro fito clave na historia do nacionalismo galego: o Banquete de Conxo; do que o Concello de Santiago, despois de varias iniciativas do BNG para a recuperación dese espazo e posta en valor e divulgación do seu contido, vén de realizar o seu acondicionamento.

“Aquel levantamento non foi froito dun día, senón de anos de traballo concienciando ás clases populares de Galiza de que era preciso loitar pola liberdade e dignidade como país, pola democracia e contra un centralismo que nos negaba como pobo diferenciado”, destacou.

“Onte, coma hoxe, o principal problema que padece Galiza é a súa dependencia”, asegurou. Aqueles precursores do nacionalismo queixábanse en 1846 de que trataban Galiza como unha colonia da Corte. Espolian recursos enerxéticos sen tan sequera nos compensar cunha tarifa eléctrica propia como volvía a demandar estes días a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cando fan do rural unha enorme eucaliptal ao servizo dunha industria como ENCE e cando permiten que en Galiza teñamos os prezos máis baixos de leite, obrigan ao peche de explotacións e logo fan mercar leite francés ou de multinacionais americanas.

A outra cousa que non mudou é a represión do Goberno español contra o discrepante e contra quen erga a voz na defensa das nacións que o compoñen e en favor de avances democráticos e defensa de liberdades, indicou. En 1846 fusiláronnos; hoxe condénannos a 20 ou 30 anos de cadea por terrorismo, desobediencia, sedición ou rebelión por un chío, cantar unha canción ou un chiste, participar nunha manifestación, ou un acto tan subversivo como que un Goberno poña urnas para que o seu pobo poida expresarse libre e democraticamente.