DEPURADORA

Rubén Cela: “Compostela Aberta inhíbese das súas responsabilidades como Goberno no convenio da depuradora”

O BNG defende que Santiago de Compostela teña unha depuradora “o antes posíbel, o mellor posíbel e no mellor emprazamento posíbel”

Rubén Cela: “Compostela Aberta inhíbese das súas responsabilidades como Goberno no convenio da depuradora”

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2018.- O BNG está “radicalmente en contra” da proposta de convenio que presenta Compostela Aberta para o seu debate en Pleno, entre o Concello de Santiago, Augas de Galiza e Aquaes, afirmou o portavoz municipal Rubén Cela. O BNG solicitou, sen éxito, a retirada deste punto da orde do día do Pleno.

Con este convenio, o Concello de Santiago tería que asumir o 20% do inicialmente orzado, cando no resto das cidades galegas foi dun 5% e agora se descobre que, a diferenza do que anunciaran tanto Xan Duro como Martiño Noriega, o Concello terá que sufragar, a maiores, parte da desviación posíbel do proxecto, en concreto o 50%

O BNG nunca defendeu o emprazamento da depuradora no Souto por ser froito dunha decisión política sen sustento técnico, por ser máis cara, con máis afectación ambiental e patrimonial e por incorrer en maior inseguridade xurídica. Aliás, nunca se negou a estudar outras localizacións alternativas, iso si, sempre que garantan que o novo emprazamento proposto sexa mellor ambiental e socialmente e que non se comprometan os fondos europeos.

Para Rubén Cela, o que pretende facer Compostela Aberta é “un disparate” que pode ser legal mais non “ético nin político” porque en democracia “gobernar significa tomar decisións e se o Goberno local non gosta do convenio que negociou ten tres posibilidades: seguir negociando, recoñecer que é incapaz de negociar e negarse a subscribir o convenio ou aceptar a proposta de convenio”, sinalou. “Mais Compostela Aberta inhíbese das súas responsabilidades á fronte do Goberno de Santiago”, engadiu Rubén Cela.

Así, explicou que Santiago vai vivir no vindeiro Pleno unha anomalía que nunca se deu en 40 anos de democracia neste Concello: o Goberno levará a Pleno un convenio que non apoia.

“Isto demostra unha actuación do Goberno á desesperada, máis preocupado polo relato futuro das culpas que de conseguir que Santiago de Compostela teña unha depuradora o antes posíbel, o mellor posíbel e no mellor emprazamento posíbel”, advertiu o portavoz nacionalista en Raxoi.