MEDIO AMBIENTE

Rubén Cela considera “un motivo de preocupación” que o alcalde saíse da reunión co Ministerio “satisfeito e sen acordo” sobre a depuradora

É unha irresponsabilidade compartida do PP e de CA que a depuradora actual siga a verter augas residuais directamente ao Sar

Rubén Cela considera “un motivo de preocupación” que o alcalde saíse da reunión co Ministerio “satisfeito e sen acordo” sobre a depuradora

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou que “cada vez que o alcalde vai a unha reunión a Madrid e di que volve satisfeito é un motivo para preocuparse, como pasou cando dixo que volvía satisfeito das reunións da intermodal e da rotonda de Conxo”, en referencia á valoración da reunión do alcalde coa directora xeral de Augas do Ministerio de Medio Ambiente da que dixo saír “satisfeito” mais sen acordo na proposta de construíla na Silvouta mediante a necesaria simplificación de trámites ambientais para acurtar prazos para manter os fondos europeos.

“O certo é que foron tres anos perdidos do Goberno de Compostela Aberta para procurar novo emprazamento da depuradora” e constitúe “unha irresponsabilidade compartida do PP e de CA que a depuradora actual siga a verter augas residuais directamente ao Sar”, coa contaminación que provoca e a ameaza de sanción por parte da Comisión Europea, que supón unha espada de Damocles para o Concello de Santiago de Compostela.

Sinalou tamén que “Martiño Noriega está máis preocupado por construír ‘o relato’ do que tanto fala para botar as culpas sobre o que non fixo neste tempo” que de verdadeiramente procurar unha solución aos vertidos da depuradora sobre o Sar.