Rubén Cela cualifica de “cúmulo de despropósitos” o proceso de contratación dos comedores escolares

Rubén Cela cualifica de “cúmulo de despropósitos” o proceso de contratación dos comedores escolares

CA tivo oportunidade de facer uns pregos distintos dos do PP, que priman o criterio económico por riba da calidade da comida e de produtos de proximidade

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2015.- Rubén Cela cualificou a situación producida pola renuncia das empresas de comedores como “cúmulo de despropósitos e de comportamentos irresponsábeis, tanto por parte do Goberno municipal como por parte das empresas que participaron na licitación”.

Para o BNG é un feito “dobremente irresponsábel” ao tratarse dun servizo “especialmente sensíbel e co que habería que ter especial atención”, explicou. Así, aludiu a que o Goberno local tomou posesión o 13 de xuño “e non foi capaz de licitar o servizo de comedores até o 28 de agosto, o que provocou que non se puidese adxudicar antes do inicio do presente curso escolar, que se sabía con antelación que comezaría o 10 de setembro. “Isto evidencia eivas na xestión ordinaria do Concello, descoñecemento dos tempos e das formas na tramitación da contratación pública por parte do grupo de Goberno e non saber priorizar, porque a contratación dos comedores escolares debera ser prioritaria dende o primeiro minuto”, explicou Rubén Cela.

Referiuse tamén a que Compostela Aberta tivo a oportunidade de facer uns novos pregos de contratación que fosen moi diferentes dos usados polo PP, “mais non o fixo agás nalgún cambio moi puntual”. Así, cos actuais pregos, o criterio económico pesaba moito máis que a calidade da comida e non se usou a distancia nin a introdución de produto de proximidade, pese a que ían incluídas no programa electoral de CA “a aplicación de políticas de quilómetro cero nos comedores de responsabilidade municipal que asuman a produción local como a principal fonte de subministro”.

A terceira irresponsabilidade, a xuízo de Rubén Cela, é que neste momento este servizo se está a prestar “sen soporte legal que o ampare”. A isto sumoulle “a irresponsabilidade dunhas empresas que renuncian a prestar o servizo nas condicións nas que se comprometeron a facelo e, até en dúas ocasións, media hora antes da realización da mesa de contratación, cos graves prexuízos e danos que iso lle vai causar para o Concello de Santiago”.

Para o BNG, dixo, “non é normal estar a mediados de novembro cos comedores escolares sen adxudicar e aínda será peor tendo en conta que a nova empresa non vai comezar até o ano próximo”. “O departamento de Educación tiña dende xuño dous grandes asuntos enriba da mesa: a licitación dos comedores e a licitación da xestión das escolas infantís e aínda non concluíu ningún deles”, afirmou.

“Do mesmo xeito que non se coñece o programa de conciliación de Nadal, que tería que estar operativo a 21 de decembro e aínda non se sabe o prazo, o custe nin a forma de inscrición, cando falta un mes para comezar”, indicou o portavoz municipal nacionalista en Raxoi.

Rubén Cela cualifica de “cúmulo de despropósitos” o proceso de contratación dos comedores escolares