SERVIZOS SOCIAIS

Rubén Cela cualifica de “irresponsabilidade social” que a Xunta non abrise en 2017 o CEGADI

Feijóo anunciara a entrada en funcionamento no primeiro semestre de 2017

Rubén Cela cualifica de “irresponsabilidade social” que a Xunta non abrise en 2017 o CEGADI

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualifica de “irresponsabilidade social” a actitude do Goberno da Xunta con Santiago de Compostela ao concluír “outro ano máis” sen abrir o Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade cando Feijóo anunciara a entrada en funcionamento no primeiro semestre de 2017.

O BNG presentou numerosas iniciativas, tanto no Concello como no Parlamento, para instar á súa apertura sen que o Goberno de Feijóo se dispuxese a atender esta reivindicación social. Este é un proxecto que se remonta a 2007, cando se conseguiron os terreos e se formalizou a construción dunha parcela de 8.700 m² cun orzamento inicial de 8,7 millóns de euros, aínda que finalmente se investiron 13 millóns de euros. Configurouse como un centro de vangarda, innovador e único no Estado para o tratamento integral da discapacidade, tendo en conta que en Galiza hai 250.000 persoas potenciais usuarias deste espazo.

No proxecto inicial estaban previstos plans de formación para 70 persoas, 60 prazas para habilitación funcional, emocional e psicosocial, 71 prazas para centro de día, 32 con carácter residencial para fomentar a autonomía de persoas usuarias, ademais dun centro de I+D de integración. Despois de varios cambios e de inxectar 1,7 millóns máis prevíase o remate para o 2012 e a realidade é que leva 5 anos rematado e inutilizado.