PLENO

Rubén Cela cuestiona que CA leve a aprobación definitiva da ORA e do guindastre sen ter parcela para depositar os vehículos

O Goberno en minoría xestionou este procedemento de xeito unilateral e sen atender algunhas das alegacións do BNG máis importantes

Rubén Cela cuestiona que CA leve a aprobación definitiva da ORA e do guindastre sen ter parcela para depositar os vehículos

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018.- O Pleno deste xoves debaterá someterá a aprobación definitiva a municipalización da ORA e do guindastre sen ter o Concello parcela para os coches retirados, sen ter aínda liquidado o contrato e sen aclarar de quen son propiedade os parquímetros, cando o secretario entende que son da empresa e o Goberno local que son do Concello de Santiago.

O BNG sempre estivo e está neste momento a favor da xestión directa do servizo da ORA”, afirmou Rubén Cela, portavoz municipal en rolda de prensa. Así, actuou en consecuencia do Pleno de inicio do proceso en decembro de 2015, abstívose no aprobación da Memoria Técnica en Comisión e na aprobación inicial no Pleno de maio de 2017. “Sen o apoio explícito do BNG non se tería iniciado este proceso”, lembroulle ao alcalde.

Mais o BNG só puxo unha condición para apoiar até o final este proceso, que se fixese ben o procedemento “non por hiperformalismo ou legalismo, senón para que non se tombase ao día seguinte xudicialmente” polas consecuencias legais, laborais e económicas que poida ter para o Concello. Aludiu Rubén Cela ás declaracións do alcalde sobre o neoliberalismo que supón que a empresa siga externalizada “cando é máis neoliberal deixar que a empresa quede co diñeiro que recada da veciñanza” e non esixirlle o canon fixo nin variábel como aconteceu nos últimos dous anos.

Sinalou tamén os numerosos problemas que problemas que presenta o expediente, con informes contrarios dos habilitados do Estado como o reparo suspensivo da Interventora, o informe negativo do secretario, o informe previo negativo da xefa de Persoal e dos informes de directora de área e da asesoría xurídica que din que é interpretábel pero non aseguran que se poida facer. Fixo mención a que a memoria económica se entregase despois do informe da Intervención e que non coincida coas resolucións da directora de área nin do xefe da asesoría xurídica, á parte de que non pasou a última versión pola comisión técnica.

A pesar de Compostela Aberta conformar un Goberno en minoría, xestionou este procedemento de xeito unilateral e sen atender algunhas das alegacións do BNG máis importantes, cando eran preceptivas para brindarlles o apoio, e fixo caso omiso á proposta de estudar un modelo alternativo nesta memoria para que o sistema sexa de balde. “Despois diso, o alcalde reclama unidade de esquerda, mais a unidade hai que traballala a priori, non a posteriori nin baixo feitos consumados”, advertiu.

“Postos a saltar as leis de Montoro e as taxas de reposición de efectivos”, Rubén Cela afirmou que “preferiría contratar novos bombeiros, remunicipalizar as gardarías infantís e dotar de máis persoal departamentos como o de Urbanismo”.

Rubén Cela cuestiona que CA leve a aprobación definitiva da ORA e do guindastre sen ter parcela para depositar os vehículos