Rubén Cela demanda a posta en funcionamento da Comisión de Accesibilidade e a apertura do Cegadi

Rubén Cela demanda a posta en funcionamento da Comisión de Accesibilidade e a apertura do Cegadi

Require tamén unha ordenanza de accesibilidade, que solicitan os colectivos, como xa existe noutros concellos galegos

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2015.- O grupo municipal do BNG, a través do portavoz Rubén Cela, reclama a posta en funcionamento da Comisión de Accesibilidade e que o alcalde se interese polo Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), un equipamento da Xunta que leva anos rematado e segue pendente de abrir as portas.

Segundo explicou en rolda de prensa, o 25 de outubro de 2011, o Pleno do Concello aprobaba por unanimidade a creación dunha “Comisión de Estudo de Accesiblidade” presidida polo alcalde e con representación das concellarías de Benestar, Mobilidade, Obras, grupos municipais e técnicos. Nunca se chegou a reunir.

“No pasado, Santiago foi recoñecido por actuacións concretas en materia de accesibilidade, mesmo foi a primeira cidade do Estado en recibir o Premio Raíña Sofía de Accesibilidade Universal no ano 2006”, explicou Rubén Cela, “mais por parte de colectivos de discapacidade trasladóusenos a necesidade de que Compostela aborde dun xeito integral a eliminación de barreiras mediante unha ordenanza de accesibilidade como xa existe noutros concellos galegos”.

Centro Galego de Desenvolvemento Integral

Rubén Cela destacou tamén que o BNG nos últimos anos realizou numerosas mocións, preguntas e peticións de comparecencias, tanto no Pleno do Concello como no Parlamento de Galiza, sobre os atrasos acumulados na posta en marcha do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi).

Así, lembrou que se trata dun equipamento que sacou adiante o BNG cando tiña responsabilidades de Benestar Social na Xunta de Galiza, pois en 2007 conseguíronse os terreos e formalizouse a súa construción cun proxecto de 8,7 millóns de euros. Este centro, naquel momento na vangarda en canto á concepción de saúde, emprego, formación, apoio familiar, integración social e sensibilización da poboación, dispuña de 71 prazas de día, 38 residencias e 2 vivendas piloto para persoas con discapacidade e dificultade para se desprazaren.

A seguinte previsión da Xunta foi abrir en 2012 para 162 persoas que ían ser atendidas diariamente, mais aínda este verán licitou un transformador eléctrico para poder prestar este servizo.

“O tempo das escusas xa pasou, esiximos unha data de apertura e que o alcalde se interese persoalmente, en contacto coa Xunta, por activar este centro para discapacidade que logo de tantos anos permanece pechado”, concluíu Rubén Cela.