PLENO

Rubén Cela demanda a rehabilitación do pazo da Finca do Espiño

Esta actuación tiña que estar rematada en 2015, mais Compostela Aberta rescindiu o contrato polo que houbo que indemnizar a empresa con 30.000 euros por problemas nas obras
 

Rubén Cela demanda a rehabilitación do pazo da Finca do Espiño

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG en Raxoi, Rubén Cela, demandou en rolda de prensa a rehabilitación do pazo da Finca do Espiño, un inmóbel modernista “que pasou a mans públicas nunha contorna inmellorábel a carón do Sarela e ao pé de Monte Pío, nunha finca que se abriu para o uso e lecer da veciñanza de Santiago”.

“Este pazo deteriorouse moito nas últimas décadas e en 2011, cando o BNG tiña responsabilidades en Medio Ambiente e Rehabilitación, apuntalouse para frear a súa degradación e comezar a preparar o proceso de restauración”, explicou Rubén Cela. A finais de 2014 sacouse a concurso público unha licitación para a súa remodelación por importe de 1,2 millóns de euros. Co Goberno de Compostela adxudicouse esta obra en agosto de 2015 por 869.000 euros á empresa Dragados, cunha baixa substancial sobre o prezo de partida e, a partir de aí, por mor de diversos problemas non se realizou a obra “e até se rescindiu o contrato e mesmo houbo de indemnizala cun 3% do orzamento que non se puido executar”.

Deste xeito, “esta actuación que tiña que estar rematada en 2015 non está nin iniciada e ademais a veciñanza tivo que pagar a escote case 30.000 euros de indemnización á empresa Dragados”, explicou Rubén Cela, quen lamentou que esta rehabilitación non forme parte das prioridades deste Goberno de Compostela Aberta.

Así, o BNG trasladará ao vindeiro Pleno de abril unha iniciativa para impulsar un novo procedemento co fin de poñer a disposición da veciñanza este edificio “para evitar que se siga deteriorando, posto que o Concello ten o financiamento para esta obra co diñeiro que tivo que pagar Layetana con cartos finalistas que só se poden destinar a este fin”.