Rubén Cela: “Desexamos que haxa compromisos orzamentarios firmes para o Campus da Saúde"

Rubén Cela: “Desexamos que haxa compromisos orzamentarios firmes para o Campus da Saúde"

O BNG require buscar unha solución definitiva ás vivendas de San Ignacio de Loyola, coñecidas como Banco do Pobre

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración do anuncio sobre a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e cualificou de “excelente nova” que se conseguise desbloquear “porque ten repercusións tanto para cidade como para o conxunto de Galiza, con ese novo Campus da Saúde onde se poderá integrar a formación en medicina, enfermaría, odontoloxía e os ámbitos de investigación”.

Deste xeito, o BNG agarda que se dean “pasos decididos e con compromisos orzamentarios firmes para que, máis cedo que tarde, este proxecto sexa unha realidade”, afirmou.

Ademais, destacou que hai diversas cuestións que se deben tratar de xeito conxunto a esta decisión, como a busca dunha solución integral á mobilidade desa contorna, “porque esta é a oportunidade para pensar como debe ser o aparcamento en superficie na contorna do CHUS e do Hospital Provincial de Conxo”.

“Este é o momento para buscar unha solución definitiva ao problema que lle se ocasionou aos veciños e veciñas das vivendas de San Ignacio de Loyola, coñecidas como Banco de Pobre”, indicou Rubén Cela. O BNG trasladou múltiples iniciativas ao Pleno de Santiago con este tema, “para que se lle sacase a Espada de Damocles da posibilidade de expropiación e para que o Concello de Santiago dispuxese dun sistema de axudas para eses inmóbeis que, durante moitos anos, non puideron remodelarse”.

O portavoz nacionalista en Raxoi instou tamén a que, por parte das administracións implicadas -Concello de Santiago, Universidade e Xunta- faciliten “con claridade e transparencia” información sobre os pasos a dar no futuro sobre o vello hospital de Galeras, a orientación e as previsións do actual edificio de Odontoloxía que, a pesar de estar cedido á USC, é de titularidade municipal; ademais de dar a coñecer que se vai facer no futuro co inmóbel da actual Facultade de Medicina.

Rubén Cela: “Desexamos que haxa compromisos orzamentarios firmes para o Campus da Saúde"