DEPORTES

Rubén Cela dimite do Consello de Administración de XADE “porque o Concello obriga a prestar o servizo de pádel sen contrato”

“Se se mantén irregularmente, non vai ser co beneplácito do BNG”, advirte

Rubén Cela dimite do Consello de Administración de XADE “porque o Concello obriga a prestar o servizo de pádel sen contrato”

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, anunciou a dimisión do Consello de Administración de XADE -a empresa mixta que leva as instalacións deportivas- perante a comunicación enviada polo Concello de Santiago para que se continuase a prestar o servizo das pistas de pádel do Multiusos Fontes do Sar que leva sen contrato dende outubro de 2016.

O BNG fai esa denuncia “con lealdade e agardando unha solución”, porque as pistas de pádel teñen 200 persoas usuarias diarias e 10 traballadores, ademais das 11.000 usuarias das instalacións deportivas municipais poden accederen a prezo reducido. Levan máis de ano e medio prestando o servizo sen contrato e “hai dous consellos de administración, XADE deulle un ultimátum ao Concello de Santiago para resolver a situación ilegal antes do 19 de maio ou que deixaba de prestar o servizo”. Hai unha responsabilidade civil, mesmo a nivel de seguros, que está sen cubrir froito desa prestación de xeito irregular, advertiu Rubén Cela en rolda de prensa.

Lembrou tamén que o alcalde, Martiño Noriega, é o presidente do Consello de Administración de XADE. “Con rexistro de saída do 8 de maio, fíxoselle chegar a XADE unha petición asinada pola concelleira de Deportes de continuidade do servizo tal e como está”, explicou.

“Creo que tiven unha posición no Consello de Administración de XADE impoluta, non representei as posicións, decisións nin opinións partidarias do BNG; representei honesta e lealmente o Concello de Santiago dende unha perspectiva propositiva para solucionar problemas e, despois do acontecido, vou presentar a miña dimisión no Consello de Administración de XADE porque hai determinadas cuestións que non estou disposto a ser copartícipe e non vou representar o BNG nelas”, sinalou.

“Somos os máis firmes defensores dos traballadores e traballadoras, fixémolo sempre”, sinalou, “preocúpanos a situación deses 10 traballadores de XADE que levan ano e medio sen contrato e agora dinlles que sigan até que liciten o novo concurso; se se fai así mantendo o servizo irregularmente, non vai ser co beneplácito do BNG”.

Lembrou tamén que o BNG foi excluído por Conde Roa do Consello de Administración de XADE, “cando entrou Compostela Aberta corrixiuse esta situación mais hoxe obríganos a autoexcluírnos, pois que cada un apande coas súas decisións porque tiveron tempo de sobra dende que se fixo ese ultimátum no Consello de Administración”, explicou.